A directora xeral de Patrimonio Natural e a delegada territorial en Ferrol reuníronse hoxe con empresas turísticas, entidades de ocio e deporte e representantes do sector primario

A Xunta estudará as achegas do sector para que o Plan reitor das Fragas do Eume fomente un uso sostible turístico e deportivo dos seus recursos

Belén do Campo subliña que o compromiso da Xunta coa promoción do turismo verde forma parte da súa estratexia de protección e divulgación dos espazos naturais

Explica que o futuro PRUX concretará unha nova zonificación das case 10.000 hectáreas que abrangue este espazo natural, especificando os usos permitidos e restrinxidos desde o punto de vista recreativo, agrogandeiro ou forestal, entre outros

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pechará nas vindeiras semanas a rolda de contactos cos principais axentes públicos e privados con intereses na zona
 

Pontedeume (A Coruña), 21 de abril de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia continúa coa súa rolda de contactos cos principais axentes, colectivos e entidades vencellados ao Parque Natural Fragas do Eume coa intención de implicalos no deseño do futuro Plan reitor de uso e xestión (PRUX), un instrumento que marcará as pautas a seguir para orientar o desenvolvemento económico e medioambiental deste espazo durante os vindeiros anos.

Ao longo do día de hoxe, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, reuniuse no centro de interpretación de Caaveiro con varios colectivos da zona, entre eles, empresas do sector turístico así como diferentes clubs que aglutinan as principais disciplinas deportivas que se practican no ámbito do parque natural co fin de recoller as súas achegas ao documento e trasladarlles á vez os pasos dados ata agora pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para avanzar na súa redacción.

Así, Do Campo subliñou o peso que ten para a economía local da comarca a actividade turística que se desenvolve neste espazo natural, un territorio que polas súas propias características resulta moi atractivo e ofrece ao visitante un amplo abano de opcións de ocio e lecer coas que coñecer e gozar da súa riqueza natural, cultural e paisaxística.

Neste sentido, tanto a directora xeral como a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros —que a acompañou durante parte da xornada— coincidiron en subliñar que o documento reitor que se aprobe finalmente debe poñer o foco na protección e na conservación dos valores deste espazo, pero sen esquecer a necesidade de garantir que se manteña o seu aproveitamento desde o punto de vista socioeconómico.

Na mesma liña, Belén do Campo lembrou que tanto o chamado turismo verde como a promoción de actividades deportivas ao aire libre en espazos que, como é o caso das Fragas do Eume, reúnen as condicións axeitadas para a súa práctica, contribúen “á divulgación e posta en valor” dos espazos naturais, lembrando que “non se protexe nin se valora aquilo que non se coñece”.

A modo de exemplo, considerou positivo para a conservación e difusión das singularidades deste parque natural que se poidan manter actividades como o ciclismo, o sendeirismo, a escalada, o montañismo ou o piragüismo, sempre que se fagan con garantías medioambientais e desde o máximo respecto ao entorno no que se desenvolven.

De feito, indicou que o compromiso da Xunta co turismo verde é evidente e forma parte da súa estratexia de protección dos espazos naturais, citando en concreto a campaña 7 días, 7 parques impulsada pola Consellería este ano co fin de dar a coñecer, con premio incluído, a riqueza do Parque Nacional e dos 6 parques naturais existentes na Comunidade.

Así mesmo, as dúas representantes da Xunta agradeceron expresamente o “espírito construtivo” amosado por parte de dous colectivos, o turístico e o deportivo, que xogarán un “papel clave” de cara ao obxectivo común de fomentar un uso público ordenado e sostible deste espazo natural, garantindo deste xeito un parque “activo e máis dinámico”.

Reunións cos pescadores e o sector agrogandeiro

Por outra banda, cómpre indicar que a directora xeral tamén se reuniu hoxe coa Asociación recreativa de pescadores Caaveiro —a única que opera neste parque natural—, que fixo interesantes achegas desde o punto de vista da conservación dos recursos fluviais da zona e á que lle trasladou que o PRUX nin impedirá nin prexudicará á pesca continental.

Así mesmo, tamén tivo ocasión de escoitar as expectativas do sector agrogandeiro que opera dentro deste espazo natural, do que se extraen mel, queixos, derivados lácteos e verduras, entre outros produtos, e no que existen varias explotacións gandeiras. Neste sentido, subliñou que o PRUX buscará compatibilizar o aproveitamento económico dos recursos naturais coa a súa protección, de forma que as actividades do sector primario que se desenvolven neste territorio ou dependen indirectamente del estean garantidas.

Por último, en todas as reunións Belén do Campo trasladoulles aos asistentes que no futuro documento se concretará unha nova zonificación das case 10.000 hectáreas que ocupan as Fragas do Eume, especificando en cada unha das franxas os usos permitidos e restrinxidos desde o punto de vista recreativo, agrogandeiro ou forestal, entre outros.

Proceso de diálogo e participación desde outubro

Cómpre lembrar que desde que no mes de outubro a Xunta abriu a rolda de contactos con diferentes colectivos públicos e privados para avanzar na redacción do PRUX das Fragas do Eume, Belén do Campo xa se reuniu cos alcaldes dos cinco concellos do parque—Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume e As Pontes—, propietarios de terreos privados, representantes do tecido asociativo e coa única comunidade de montes existente.

Paralelamente, a Consellería tamén mantén xuntanzas técnicas con outros departamentos autonómicos para recompilar as súas achegas sobre o novo instrumento de xestión e trasladarlles as suxestións expostas polo resto de colectivos consultados.
A previsión do departamento autonómico é que nas vindeiras semanas se poida dar por finalizada esta rolda de contactos.

Do Campo insistiu en que este proceso de diálogo e participación previo é imprescindible para coñecer de primeira man as inquedanzas dos que “viven, traballan ou dependen” das Fragas do Eume, un espazo protexido único e singular, integrado na Rede Natura 2000 e que alberga a mellor representación de bosque atlántico autóctono, ademais de ser o mellor conservado de Europa.

Neste sentido, incidiu en que o obxectivo da Xunta é aprobar en 2022 o seu PRUX, un fito transcendental para Galicia, subliñou, xa que é o único parque natural que aínda non conta cun instrumento propio para guiar durante a próxima década os usos e actividades permitidos dentro do segundo parque natural máis extenso da Comunidade.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/04/2022