Feijóo avanza cunha achega de máis de 40M€ novos proxectos para Vigo como a rehabilitación dos xulgados da rúa Lalín, o novo IES de Navia e a humanización da fachada marítima

Entre as actuacións relacionadas co Xacobeo 21-22, anuncia o desenvolvemento da Ruta Iacobus Maris 2022 que, cunha duración de catro semanas, partirá do porto italiano de Xénova para rematar en Vigo e, desde aí, continuar a pé ata Santiago

Destaca un investimento de máis de 6 millóns de euros nas Cíes e no resto do Parque Nacional das Illas Atlánticas para, entre outras cousas, velar pola súa biodiversidade, mellorar o ciclo da auga nos arquipélagos e modernizar infraestruturas e servizos

Resalta un orzamento de 460.000 euros para a instalación dun sistema de iluminación exterior para a Cidade da Xustiza, que será inaugurada o 24 de maio

Compartir
  • whatsapp

Vigo, 21 de abril de 2022.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, cun investimento de máis de 40 millóns de euros, novos proxectos para Vigo, como a rehabilitación dos xulgados da rúa Lalín, o novo IES de Navia e a humanización da fachada marítima da cidade.

 

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo precisou que a Administración autonómica colaborará co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia para desenvolver o concurso de ideas sobre os novos usos para os xulgados da rúa Lalín.

 

Co obxectivo de que na primeira metade de 2023 se inicie o contrato de obra, Feijóo explicou que a actuación busca habilitar locais na planta baixa, primeira e quinta do edificio; a posibilidade de trasladar dependencias administrativas da Xunta que están en oficinas alugadas; e a opción de estender os traballos aos sotos e poñer a disposición espazos para as entidades sociais. “É dicir, en total poderán habilitarse ata 134 espazos”, dixo, subliñando que o orzamento previsto para dar unha nova vida aos xulgados ascende aos 12,5 millóns de euros.

 

Humanización da avenida Beiramar e senda peonil e ciclista no Berbés

En materia de infraestruturas, o titular do Goberno galego destacou unha achega de 3,5 millóns de euros para a humanización da avenida de Galicia para facela máis accesible aos peóns e mellorar tamén o paso do transporte público. Ademais dun investimento de 4,5 millóns para levar a cabo a humanización da avenida Beiramar e a execución dunha senda peonil e ciclista no Berbés.

 

“E executaranse catro aparcamentos disuasorios con 320 prazas nas contornas da vía de altas prestacións do Val Miñor en Nigrán; dous na contorna da autovía do Morrazo; e na estrada PO-551 en Domaio, onde se ampliará o existente -1,6M€-; así como a mellora de 198 paradas de autobús interurbano, para o que se destinarán 6 millóns de euros”, engadiu, recordando, tamén, que a estación de autobuses intermodal de Vigo estará rematada nas vindeiras semanas para a súa posta en servizo cando o Concello finalice os accesos.

 

No eido educativo, Feijóo asegurou que a Xunta remitirá de inmediato ao Concello o convenio de colaboración para levar a cabo a construción do novo IES de Navia que, cunha achega de 12 millóns de euros, terá capacidade para 700 alumnos.

 

En relación á Sanidade, o presidente autonómico salientou un orzamento de 5,7 millóns co obxectivo de reforzar espazos no Hospital público Álvaro Cunqueiro, con cinco unidades novas nas áreas de saúde mental, cardioloxía, hospitalización a domicilio, anatomía patolóxica e enfermidades raras-; e dotar de novo equipamento as áreas de uroloxía e cirurxía toráfica, a nova sala de intervencionismo e endoscopia avanzada e o novo servizo de cirurxía maxilofacial.

 

Durante a rolda de prensa, o responsable do Executivo galego recordou que en 2021 inxectáronse máis de 17 millóns nos catorce concellos da área de Vigo para apoiar ao sector turístico e potenciar a súa reactivación. E, ademais dos preto de 8 millóns que a área de Vigo recibiu entre 2019 e 2021 para distintas actuacións relacionadas co Xacobeo 21-22, anunciou a colaboración coa Fundación Traslatio para o desenvolvemento da Ruta Iacobus Maris 2022 que, cunha duración de catro semanas, partirá do porto italiano de Xénova para rematar en Vigo e, desde aí, continuar a pé ata Santiago.

 

Así mesmo, o turismo terá tamén protagonismo no Plan de actividades da AECT para este 2022, co desenvolvemento do programa Facendo Caminho, con fin de difundir os camiños, presentar as bases para o plan director das rutas xacobeas portuguesas a Compostela e facer un estudo sobre o impacto dos Camiños portugueses a Santiago.

 

Sobre as Cíes e o resto do Parque Nacional das Illas Atlánticas, Feijóo anunciou un investimento de máis de 6 millóns de euros para, entre outras cousas, velar pola súa biodiversidade, mellorar o ciclo da auga nos arquipélagos e modernizar infraestruturas e servizos. E, no eido do deporte, resaltou que a Xunta participará na renovación das pistas de atletismo de Balaídos, cunha achega de 3 millóns de euros.

 

Un investimento de 28,7M€ na construción das 207 VPP da primeira fase de Navia

En materia de vivenda, Feijóo confirmou que a Administración autonómica recibiu un total de 15 ofertas para a contratación do servizo de redacción de proxecto e dirección de obra para a construción de 79 vivendas de promoción pública, garaxes, rochos e locais na ampliación de San Paio de Navia, en Vigo.

 

“A previsión é adxudicar os servizos antes deste verán”, aseverou, subliñando que, no Consello de hoxe, a Xunta tamén deu conta da próxima licitación, a principios do vindeiro mes de maio, dos proxectos e dirección de obra das restantes 128 vivendas de promoción pública —divididas en 4 edificios— correspondentes ao polígono 1, por un importe de 1,2 millóns de euros.

 

En total, xa tendo en conta as obras e outros aspectos como a dirección da execución e o control de seguridade, o Instituto Galego da Vivenda e Solo prevé investir 28,7 millóns de euros na construción das 207 VPP da primeira fase de Navia.

 

Non obstante, a estas haberá que sumar os inmobles construídos por cooperativas e promotores, ata un total de 733 vivendas protexidas correspondentes ao polígono 1.

 

O titular do Goberno galego resaltou, por outra banda, a renovación da colaboración anual coa Cooperativa de Armadores de Vigo (ARVI) para a promoción do sector pesqueiro e dos produtos do mar; un apoio que se traducirá na cooperación para organizar en xullo a IX Conferencia Internacional ARVI sobre o futuro da pesca, así como o IV Festival ARVI do peixe-Vigo Seafest 2022. E a renovación do convenio co Consorcio da Zona Franca de Vigo, para a celebración de dúas novas edicións da aceleradora de empresas ViaGalicia, que busca impulsar proxectos innovadores na Comunidade.

 

Feijóo concluíu anunciando un orzamento de 460.000 euros para a instalación dun sistema de iluminación exterior para a Cidade da Xustiza, que será inaugurada o 24 de maio.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/04/2022