A Xunta recibe 12 ofertas para executar as obras da nova glorieta da Barquiña e da mellora da travesía na AC-550 ata a alameda de Noia, que suporán un investimento de máis de 1,1 M€

O obxectivo é iniciar as obras no mes de setembro, para o que xa se está a avanzar nos trámites expropiatorios, e prevese que estean en servizo no verán do vindeiro ano

Das 12 ofertas presentadas a este contrato, 3 están conformadas por UTE, o que supón que hai un total de 15 empresas interesadas nos traballos

Executarase unha nova glorieta de 26 metros de diámetro, con calzada de carril único de 6 metros e con beiravías, e cun deseño que ten en conta a presenza de numerosas vivendas na súa contorna

Mellorarase un treito de 1,3 km da estrada autonómica, renovando a capa de rodaxe da travesía e redistribuirase o ancho da vía co fin de habilitar un itinerario peonil accesible

Renovaranse as beirarrúas entre a nova glorieta e a alameda, reorganizando a sección da estrada para evitar os aparcamentos indebidos que provocan danos
 

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta recibiu 12 ofertas para executar as obras da nova glorieta no cruce da Barquiña e da mellora da travesía na AC-550 ata a alameda de Noia.

 

Das 12 ofertas presentadas a este contrato, 3 están conformadas por UTE, o que supón que hai un total de 15 empresas interesadas nestes traballos.

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé iniciar as obras no mes de setembro, para o que está a avanzar, en paralelo ao proceso de contratación, nos trámites expropiatorios. O obxectivo é ter rematadas as obras no verán do vindeiro ano, xa que os traballos teñen un prazo de execución de 10 meses.

 

O acto expropiatorio de levantamento de actas previas terá lugar o 5 de maio, estando fixada a súa formalización para o día 21 de xullo.

 

O detalle da obras

A través desta actuación o departamento que dirixe Ethel Vázquez reforzará a seguridade viaria da intersección en cruz entre a estrada AC-550 e a estrada provincial de acceso ao porto da Barquiña, á altura do Eroski, no quilómetro 71+100. Para iso, habilitarase unha nova glorieta de 26 metros de diámetro, cunha illa interior de 2 metros, calzada de carril único de 6 metros e beiravía interior e exterior. O trazado ten moi en conta a presenza de numerosas vivendas na contorna.

 

A nova rotonda mellorará as condicións de seguridade do cruce da Barquiña e favorecerá os movementos e xiros dos vehículos. Ademais, acondicionaranse os ramais de acceso á glorieta, renovando a capa de rodadura.

 

A intervención tamén comprende a mellora dun treito da estrada AC-550 ao longo de 1,3 km, entre a glorieta e a alameda de Noia. Está previsto renovar a capa de rodaxe da travesía e a redistribución do ancho da estrada, para habilitar un itinerario peonil accesible nunha das marxes.

 

A actuación incluirá a renovación de beirarrúas e suporá a reorganización da sección transversal, da estrada, na que a día de hoxe hai un aparcadoiro insuficiente en ambas as marxes, o que provoca que os vehículos suban á beirarrúa e a deterioren. Finalmente, os traballos completaranse coa instalación de sinalización horizontal e vertical e balizamento.

 

A Xunta tamén vai executar traballos de conservación da Ponte Ceilán, na estrada AC-550, ao seu paso polos concellos de Noia e de Outes, cun investimento de 505.000 €. Esta actuación está actualmente tamén en fase de contratación, sendo 4 as ofertas de empresas recibidas para levar a cabo os traballos.

 

A Xunta continúa traballando no mantemento e mellora da rede viaria autonómica co fin de reforzar a seguridade e a comodidade dos usuarios.

Data de actualización: 24/04/2022