O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade presenta a folla de ruta que se inicia este ano coa aprobación da oferta de prazas

Galicia prevé completar o proceso de estabilización docente en 2023 cun 6% de interinidade, dous puntos menos do obxectivo marcado polo Estado

O Goberno central marcou como meta para finais de 2024 unha temporalidade por debaixo do 8% nas prazas estruturais, algo que Galicia xa cumpre hoxe, mentres a media estatal é do 25%

Para conseguilo convocarase un concurso de méritos de 1.155 prazas. A maiores, os cambios de última hora no real decreto do Ministerio que regula o ingreso na profesión docente obrigan a convocar cun sistema distinto outras 125 prazas, un concurso-oposición que se celebrará no verán de 2023

Deste xeito, o número total de prazas, incluíndo as das oposicións xa en marcha, ascende a preto de 4.000, que deberán celebrarse en tres procesos diferentes por mor dos cambios caóticos do Goberno central

“Mantemos a folla de ruta e cumprimos aqueles aspectos aos que nos obriga a normativa estatal para dar seguridade ao proceso e certezas aos opositores e aos docentes cun calendario estruturado e unhas normas estables”, destaca o conselleiro

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2022
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez Bértolo, presentou hoxe en rolda de prensa a folla de ruta para o desenvolvemento do proceso de estabilización docente que se inicia este ano en Galicia e que está previsto rematar ao longo do ano 2023. Un proceso que se suma “ás oposicións que xa temos en marcha, con 2.628 prazas, e cuxas probas se realizarán a partir do 18 de xuño” de tal xeito que, en total, “se acadarán case as 4.000 prazas convocadas nestes dous anos”, salientou.

 

A Xunta de Galicia prevé completar este proceso de estabilización en 2023 cunha taxe de interinidade docente do 6% no conxunto das prazas estruturais e non estruturais, que baixa ao 4% no caso específico das estruturais.

 

Tendo en conta que o Goberno central fixou o obxectivo do 8% para as prazas estruturais a finais de 2024, “Galicia mellorará este fito en dous puntos en todas as prazas e rebaixarao á metade nas prazas estruturais, e farémolo un ano antes do prazo marcado”, salientou o conselleiro. Isto considerando, ademais, que a nosa Comunidade é a que menor interinidade docente ten neste momento, un 8%, fronte á media española do 25%.

 

Sistema caótico

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia explicou que a Lei para a redución da temporalidade e os cambios no real que regula o ingreso, accesos e adquisición de novas especialidades nos corpos docentes obrigan ás comunidades autónomas a realizar tres procesos diferentes para executar as devanditas case 4.000 prazas, “supoñendo un coste económico desproporcionado”.

 

“Uns cambios –lamentou–, que se realizaron de costas ás comunidades autónomas, dado que non nos informaron da redacción final do real decreto, que coñecemos pola prensa, e que supoñen, unha vez máis, cambiar as regras de xogo a metade de partido e establecer un sistema caótico”. Neste sentido, o conselleiro recalcou o compromiso da Xunta de Galicia cos opositores “aos que ofrecemos certezas desde o primeiro momento”.

 

Méritos e concurso-oposición

O representante da Xunta de Galicia sinalou que o seu departamento presentará mañá ás organizacións sindicais unha proposta de 1.155 prazas para o concurso de méritos extraordinario, derivadas da aplicación das disposicións adicionais sexta e oitava da Lei para a redución da temporalidade. Estas prazas correspóndense coas ocupadas de forma temporal con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2016.

 

Por outra banda, e dado que o novo real decreto non permite executar as prazas de estabilización e as de reposición (xubilacións) nun mesmo proceso, tamén se presentará á mesa sectorial unha oferta de 125 prazas para un concurso-oposicións que dea resposta ao establecido polo artigo 2.1 da devandita lei, isto é, á estabilización das prazas ocupadas de forma temporal polo menos nos tres anos anteriores a 31 de decembro de 2020.

 

Segundo o establecido polo Goberno central, estes dous procesos non se poden acumular entre si, aínda que en ambos casos a oferta de prazas debe aprobarse antes do 1 de xuño deste ano e a convocatoria debe facerse antes do 31 de decembro. O prazo máximo para executalas é o 31 de decembro de 2024.

 

“No último trimestre do ano publicaremos as convocatorias dos dous procesos”, cumprindo cos prazos, explicou Román Rodríguez. Deste xeito, no último trimestre do ano 2022 abrirase o prazo para que as persoas interesadas presenten os méritos para as 1.155 prazas e no verán de 2023 celebraranse as probas do concurso-oposición das 125 prazas, estas últimas baixo o sistema transitorio aprobado polo Ministerio de Educación que favorece ás persoas interinas.

 

Paralización das prazas de FP

Tal e como explicou o representante da Xunta, todo este proceso de estabilización súmase ás oposicións xa en marcha. A partir do 18 de xuño desenvolveranse as probas para 2.484 prazas cuxa convocatoria xa foi publicada, ás que se suman outras 144 de Formación Profesional.

 

A este respecto, o conselleiro lembrou que o Goberno galego xa aprobou a Oferta Pública de Emprego (OPE) paras estas prazas de FP, pero non poderán convocarse estas probas ata que o Ministerio de Educación publique a norma de desenvolvemento da nova lei de FP no relativo ao novo corpo que se crea (profesores especialistas en sectores singulares da FP) e ás especialidades do extinto corpo de profesores técnicos de FP (suprimido pola nova lei de Educación) e que se integran no corpo de profesores de ensino secundario.

 

“Isto tamén vai afectar ás prazas deste tipo que se inclúan tanto no concurso de méritos como no concurso-oposición, outras 180 prazas, o que complica aínda máis todo o calendario se esta norma non se publica antes de que se convoquen os concursos”, incidiu.

 

Calendario estruturado

Román Rodríguez puxo en valor a transparencia e a previsión do Goberno galego á hora de poñer en coñecemento público as súas previsións para as oposicións. “Galicia foi a primeira CCAA en poñer as cartas sobre a mesa e convocar as oposicións para 2022, con todos os datos claros e somos tamén a primeira CCAA en aclarar como imos desenvolver este gran proceso de estabilización de interinos, pezas fundamentais tamén do noso sistema”, destacou.

 

O Goberno galego fixo os deberes ano tras ano, convocando regularmente procesos de oposición con máis de 13.000 prazas, polo que os cambios normativos do Goberno central para reducir a temporalidade no sector público non teñen sentido na nosa Comunidade”, dixo.

 

En calquera caso, e dado que é legalmente obrigado realizar este proceso, en Galicia desenvolverase con case 4.000 prazas (entre estabilización e ingreso). “Axustamos a folla de ruta prevista e cumprimos aqueles aspectos aos que nos obriga a normativa estatal para dar seguridade ao proceso e certezas aos opositores e aos docentes cun calendario estruturado e unhas normas estables”, manifestou Román Rodríguez.

 

“Actuamos xusto ao revés do que se plantexa todos os días desde o Goberno central, que fai constantes cambios nas regras de xogo de xeito unilateral, que xera inquedanza no sistema educativo e que son contrarios á calidade e, neste caso, xeran desigualdades”, rematou.

Documentos relacionados
Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/04/2022