A Xunta licitará a dixitalización de 60 novas salas para completar este ano a total implantación de sistemas dixitais nos xulgados galegos

      O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, mantivo un encontro co xuíz decano dos xulgados de Santiago, Andrés Louro, para trasladarlle os plans de dixitalización das salas de vistas dos dous edificios xudiciais de Compostela

      Santiago, que xa ten cinco salas dixitalizadas, completará en breve a dixitalización doutras tres, e a finais de ano prevé completar o proceso coa implantación das novas tecnoloxías nas doce das que dispón  

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2022.- O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, mantivo hoxe un encontro co xuíz decano dos xulgados de Santiago, Andrés Louro, para trasladarlle os plans de dixitalización das salas de vistas dos dous edificios xudiciais de Compostela, que se completará a finais deste ano, cando se prevé que todos os xulgados galegos conten con este sistema de implantación de novas tecnoloxías.

 

Hai tres anos que se iniciou o proceso de dotar de tecnoloxía dixital ás salas de vistas dos edificios xudiciais de Galicia. Con este obxectivo, o ano pasado licitouse a adquisición de todo o necesario para dotar a 60 novas salas deste servizo; a maioría, na Cidade da Xustiza de Vigo. O Goberno galego prevé licitar en breve outras 60 salas por importe de 1.691.580 euros para completar o proceso en todos os xulgados galegos, obxectivo que se marcou a Xunta para finais do 2022 tendo en conta que na actualidade hai 78 salas xa dixitalizadas e que no que resta do ano está previsto dotar deste servizo ás restantes para completar a dixitalización das 195 salas de vistas dos edificios xudiciais de Galicia.

 

 A dixitalización das salas permite a gravación dos xuízos conforme os requirimentos das leis procesuais, así como mostrar ás partes, declarantes e persoas que se atopen na sala os contidos multimedia almacenados, utilizar a cámara cenital instalada, capturar a imaxe dun obxecto que se deposite na mesa do Tribunal e exhibila a través da televisión e realizar videoconferencias, ademais de mellorar a seguridade, privacidade e intimidade das testemuñas protexidas, dos menores, mulleres vítimas de violencia de xénero ou doutras persoas que o Tribunal decida.

 

Os xulgados de Santiago contarán en breve con tres novas salas dixitalizadas que se sumarán ás cinco que na actualidade dispoñen xa dese servizo, e coa nova licitación finalizarase o proceso de dotación de sistemas dixitais na totalidade das doce salas de vistas coas que contan os dous edificios xudiciais de Compostela.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/04/2022