A Xunta recibe as ofertas de 3 empresas para a redacción do proxecto básico e de execución das obras do novo centro de saúde da Rúa, cun investimento de case 145.000€

      Neste contrato definirase a idea global do edificio e da súa urbanización, coa concepción construtiva e instalacións, integrando a madeira no seu deseño e dando unha resposta tecnolóxica de baixo consumo enerxético

      Desde a sinatura do contrato a empresa terá 3 meses para entregar o proxecto básico e, tras ser informado favorablemente, 2 meses para ultimar o proxecto de execución

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2022.- A Xunta recibiu 3 ofertas de empresas para a redacción de proxecto básico e de execución e dirección de obra do novo centro de saúde do concello da Rúa, que suporá un investimento de 143.774 euros.

 

Mediante este contrato trátase de definir a idea global do edificio e da súa urbanización, coa súa concepción construtiva e de instalacións. Esta proposta deberá integrar a tecnoloxía da madeira no seu deseño e prever unha resposta tecnolóxica co consumo enerxético o máis baixo posible.

 

Una vez adxudicado e asinado o contrato, a empresa contratada disporá dun prazo de 3 meses para entregar o proxecto básico e de 2 meses para presentar o proxecto de execución, unha vez que o proxecto básico sexa informado favorablemente.

 

O orzamento estimado para a execución das obras do novo centro de saúde da Rúa estímase en 2,4 M€, un investimento da Xunta que quedará determinado finalmente no proxecto de execución, obxecto deste contrato.

 

O novo centro de saúde

Os terreos para a construción do novo centro de saúde da Rúa teñen unha superficie de 1.841,16 m2 e foron postos á disposición da Xunta polo Concello nun ámbito no que se urbanizou recentemente, coa execución dun espazo libre e un novo treito de viario.

 

De acordo co programa funcional e de espazos, o novo centro de saúde verá duplicada a superficie actual pasando dos 490 m2 cadrados a máis de 1.000. Máis en concreto, a superficie construída será de 1.258 m2, cunha superficie útil de 1.094 m2.

 

A área de adultos contará con 3 consultas de medicina xeral, 3 de enfermaría, 1 sala de docencia, 1 sala polivalente e 1 sala técnica. Tamén haberá un área pediátrica cunha consulta médica, outra de enfermaría, sala de lactancia, e un aseo e sala de espera específicos.

 

Disporá, ademais, dunha área da muller, cunha sala de atención con aseo propio, unha sala de educación para a saúde, almacén e vestiarios.

 

O resto da superficie será para administración, servizos e instalacións.

 

A execución deste novo centro de saúde é froito do acordo de colaboración asinado entre a Consellería de Sanidade e o Concello da Rúa en abril do pasado ano.

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, será a encargada de licitar e executar as obras, seguindo a encomenda da Consellería de Sanidade.

Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria

O centro de saúde da Rúa é un dos contemplados na fase 0 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado en outubro de 2021 polo Consello da Xunta de Galicia, e que contempla 51 actuacións de construción ou reforma en centros de saúde de toda Galicia.

 

Este documento definía a actuación na Rúa como unha das máis prioritarias pola falta de espazo físico e presenza de barreiras arquitectónicas no actual centro. Ademais do centro de saúde da Rúa, a fase 0 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria da Xunta, contempla tamén na provincia de Ourense un novo Centro Integral de Saúde na cidade de Ourense, cuxo proxecto construtivo foi adxudicado o pasado novembro.

 

No entanto, na fase 1 contémplanse novos centros en Boborás (onde se vén de asinar o convenio a pasada semana) Muíños e O Carballiño, mentres que na fase 2 proxéctanse a construción de novos centros en Allariz, Montederramo e o barrio de Mariñamansa na cidade de Ourense, así como a reforma do centro de saúde e PAC de Viana do Bolo.

 

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 97 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as catro obras que arestora están en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

 

En particular, na provincia de Ourense, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como o da Merca, Toén, Entrimo, Vilar de Santos, Vilamarín, Barbadás, Pontedeva, Pereiro de Aguiar e Paderne de Allariz, e as reformas da Peroxa (Os Peares) e de Carballeda de Avia, mentres que xa se iniciaron as reformas nos centros de saúde de Arnoia e Ribadavia.

 

Nesta mesma liña, e a través de cofinanciamento cos concellos, reformáronse centros de saúde como os de Leiro, Carballeda de Valdeorras, Lobios ou Cenlle. De feito, durante o ano 2021, o executivo galego tamén asinou convenios de reforma dos centros de titularidade municipal nos concellos de Rairiz de Veiga, O Bolo, Amoeiro, Beariz, Vilardevós, Maside, Castro Caldelas e Castrelo de Miño.

Data de actualización: 26/04/2022