A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, detallou hoxe no Pleno o contido do proxecto de Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga

A Xunta presenta no Parlamento a Lei do ciclo da auga, que pon á disposición dos concellos ferramentas para profesionalizar os servizos e un sistema voluntario para garantir a xestión de calidade

Vázquez Mourelle salienta que a norma fomenta a xestión profesional da auga, ofrecendo aos técnicos municipais un programa de formación periódica na materia e directrices que lle servirán de guía para unha xestión eficiente

Indica que a Lei posibilita tamén que, ademais das 28 depuradoras xa xestionadas pola Xunta, todos os concellos que o queiran poidan solicitar de modo voluntario esta xestión e axuda autonómica

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2022.- A Xunta presenta no Parlamento a Lei do ciclo integral da auga, que pon á disposición dos concellos ferramentas para profesionalizar os servizos e un sistema voluntario para garantir unha xestión de calidade.

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, detallou esta mañá, no marco do debate de totalidade no Pleno do Parlamento, o proxecto de Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, tras a súa exposición pública e a aprobación por parte do Consello da Xunta.

 

Vázquez Mourelle explicou que esta norma busca a coordinación das administracións para mellorar a prestación dos servizos da auga e garantir que todos os municipios ofrezan tarifas igualitarias con independencia de factores como a dispersión ou a orografía.

 

Indicou que a Lei, que se prevé que entre en vigor en verán, establecerá un marco normativo para blindar a calidade nos servizos, a eficiencia na explotación das infraestruturas hidráulicas e a viabilidade económica dos sistemas.

 

Puxo en valor o investimento autonómico de máis de 1.100 M€ na execución de infraestruturas de abastecemento, saneamento e depuración, mellorando en máis de 10 puntos o volume de masas de auga en bo estado.

 

A este respecto, incidiu en que tan importante é contar con estas infraestruturas hidráulicas como xestionalas ben para que funcionen de forma axeitada, obxectivo ao que contribuirá a nova Lei.

 

A pesar de que o abastecemento, o saneamento e a  depuración son responsabilidades directas dos municipios, a conselleira remarcou que cómpre garantir o correcto funcionamento das depuradoras, pois os datos amosan que a metade destas plantas municipais desempeñan as súas funcións de modo deficiente.

 

Tamén puxo de manifestou outro reto no actual contexto de cambio climático, que pasa por evitar os consumos irresponsables de auga e as fugas nas redes, que nalgúns municipios representan o 40%.

 

Subliñou que a Lei vén dar resposta a todos estas carencias derivadas das dificultades técnicas e financeiras que teñen os Concellos na xestión da auga. Así, sinalou que a normativa é unha necesidade por responsabilidade ambiental, social e económica.

 
Liñas de acción

Ethel Vázquez debullou as liñas de acción que recolle o texto, sendo a primeira profesionalizar a xestión da auga nos concellos. Para isto, Augas de Galicia porá ao dispor dos municipios directrices para a redacción de plans de control de vertido ás redes de colectores, o saneamento en pequenos núcleos, a optimización da xestión das pluviais e a mellora enerxética das instalacións. Estas directrices servirán de guía aos concellos para unha xestión máis eficiente e profesional da auga.

 

Ademais a Xunta implantará un programa de formación na xestión do ciclo da auga para técnicos municipais, co fin de axudar aos concellos a avanzar cara a unha xestión profesional da auga.

 

Por outra banda, o Goberno galego proporcionará aos concellos un modelo de adhesión voluntaria para a xestión dos seus servizos de xeito profesionalizado e con garantías de calidade, para que os concellos que así o desexen soliciten a encomenda destes servizos á Xunta.

 

Concretou que a Lei permitirá estender esta colaboración para que ademais das 28 depuradoras xa xestionadas por Augas de Galicia, todos os concellos teñan a posibilidade de encomendarlle, de xeito voluntariao, os colectores de saneamento e o abastecemento en alta.

 

Como paso previo a asumir esa encomenda, a Xunta realizará unha auditoría integral e no caso de evidenciar a necesidade de executar algunha obra, un terzo do custo será asumido polo Executivo autonómico.

 

A conselleira puntualizou que a proposta inicial era que o terzo do custo o asumise a deputación provincial correspondente, que ten o deber legal de apoiar aos concellos de menos de 20.000 habitantes. Non obstante, non existe no goberno actual dalgunhas destas administracións a vontade de colaborar neste eido.

 

Reiterou que a adhesión a esta iniciativa é voluntaria, pero recordou que a xestión das infraestruturas por parte da Xunta sempre levará asociadas garantías de calidade e aforros de preto dun 10% nos custos, grazas á xestión agrupada dos sistemas que permite aplicar economías de escala.

 
Transparencia e diálogo

A responsable de Infraestruturas subliñou o amplo proceso de transparencia, claridade e consultas co que contou esta iniciativa legal.

 

Neste sentido, desde que o anteproxecto de lei iniciou a súa andaina a finais de xullo, houbo presentacións, mesas técnicas e debates en diferentes foros nos que estiveron presentes as administracións e as empresas explotadoras dos servizos da auga.

 

O anteproxecto tamén estivo á disposición do público no Portal de Transparencia da Xunta e ampliouse ata en dúas ocasións o prazo para a presentación de suxestións. Tras este procedemento, foron incorporadas a cuarta parte das achegas recibidas.

 

Ademais, en resposta á petición da Fegamp, a Consellería de Infraestruturas procedeu á celebración dun webinario no que participaron 110 concellos, entre outros colectivos, que puideron resolver as súas dúbidas.

 

Ethel Vázquez recordou que en decembro a Xunta respondeu ás alegacións, incluída a presentada pola Fegamp sobre o impacto da Lei no recibo e na que quedou demostrado o erro de cálculo cometido nas simulacións realizadas.

 

Fixo fincapé en que só cando Augas de Galicia asuma a xestión dun servizo municipal do ciclo da auga, aplicará unhas tarifas claras e iguais en todos os concellos. A Xunta só cobrará aos concellos polos servizos que preste, pero serán os municipios os que seguirán a emitir o recibo e a decidir os conceptos que nel inclúen.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 26/04/2022