A Xunta recibe 4 ofertas para executar as obras da 1ª fase de mellora da estrada OU-402 na Arnoia, que suporán un investimento autonómico de 810.000 euros

Actuarase nun treito de case 1,6 km da vía que carece de beirarrúas, beiravías e zona para peóns

O obxectivo é iniciar os traballos no outono e rematalos na primavera do 2023, xa que teñen un prazo de execución de 6 meses

Mellorarase o trazado e ampliarase este tramo da OU-402 ata os 7 metros de ancho onde sexa factible, rectificando tamén as curvas de radio reducido
 

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu 4 ofertas de empresas para executar as obras da 1ª fase de mellora da estrada OU-402, no concello da Arnoia, que suporán un investimento autonómico de 810.000 euros.

 

Trátase de actuar nun treito de preto de 1,6 km desta vía autonómica, que actualmente carece de beirarrúas, beiravías e zona para peóns.

 

A Xunta prevé iniciar estas obras no outono, co obxectivo de telas rematadas na primavera do 2023, xa que os traballos teñen un prazo de execución de 6 meses.

 

Con esta actuación de mellora da estrada OU-402 a Xunta quere facilitar desprazamentos máis cómodos e seguros a todos os usuarios, tamén ás persoas que se desprazan a pé, tendo en conta que agora este treito da estrada non ten espazo específico para os peóns.  

 

Máis en detalle, para acadar este obxectivo as obras incluirán a mellora do trazado da vía, ampliando, sempre que sexa factible, a estrada ata os 7 metros de ancho. Tamén se rectificarán as curvas de radio reducido.

 

Para favorecer os desprazamentos a pé dos veciños de xeito seguro, habilitarase un espazo peonil, construíndo beiravías ao longo de algo máis de 1 km, de 2 metros de ancho, pola marxe esquerda, e cuneta transitable ao longo de medio quilómetro. Tamén se mellorará a senda existente entre o acceso ao balneario e o núcleo da Arnoia e contorna.

 

A través desta intervención actuarase na intersección da OU-402 coa vía provincial OU-0305 no quilómetro 30+700. Neste punto, e co fin de mellorar a visibilidade e garantir unha maior seguridade nos xiros, habilitarase un carril central de espera e un cambio de sentido.

 

Ademais, e tendo en conta que se intervirá tamén na entrada ao núcleo urbano da Arnoia, adecuarase o trazado á normativa vixente, incidindo sobre a mellora da visibilidade na circulación. Neses 600 metros de estrada de entrada ao núcleo, debido á dificultade de ampliar a vía sen afectar ás edificacións existentes, conservarase o ancho actual dos carrís, 3 metros, actuando na gabia da marxe esquerda, para convertela en gabia transitable.

 

A intervención completarase con traballos de reforzo do firme, a mellora da drenaxe transversal, sinalización e instalación de barreiras de seguridade.

 

Na contratación destas obras non se inclúe a intervención no pontón existente, que precisa do permiso da Confederación Hidrográfica Miño-Sil. A este respecto, co obxectivo de non demorar estas obras de mellora da vía, o departamento que dirixe Ethel Vázquez redactará un proxecto independente para actuar nese punto, tal e como se acordou co Concello.

 

A Xunta segue a traballar no impulso de actuacións que favorecen unha Galicia mellor conectada e máis vertebrada, mellorando as comunicacións entre os municipios pequenos e do interior da comunidade.

Data de actualización: 26/04/2022