O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal visitou as obras, consistentes na eliminación de matogueiras e plantación de piñeiros do país resistentes ao nematodo

A Xunta inviste preto de 90.000 euros na recuperación do potencial forestal de varios montes localizados na provincia de Pontevedra

 

Estas obras afectan unha superficie de 28 hectáreas situadas nos montes de Lamosa (Covelo), Mouriscados (Mondariz), San Lourenzo de Oliveira (Ponteareas), Pazos de Borbén (Pazos de Borbén) e Oitavén (Fornelos de Montes), onde se plantaron un total de 32.004 piñeiros do país

Con estas plantacións piloto estudarase o comportamento das familias de Pinus pinaster con alta resistencia ante o nematodo do piñeiro, segundo as investigacións realizadas no Centro de Investigación Forestal de Lourizán

Compartir
  • whatsapp

Covelo (Pontevedra), 27 de abril do 2022.- A Xunta está traballando na recuperación do potencial forestal de varios montes situados na provincia de Pontevedra, coa plantación de piñeiros do país. Así, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural, José Luis Chan, visitou hoxe as obras de execución de parcelas de ensaio con material forestal de reprodución procedente dos proxenitores de familias de piñeiro do país (Pinus pinaster) resistente ao nematodo (Bursaphelenchus xylophilus), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. 

Estas obras, que contan cun orzamento de preto de 90.000 euros cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), afectan unha superficie de 28 hectáreas dos montes de Lamosa (Covelo), Mouriscados (Mondariz), San Lourenzo de Oliveira (Ponteareas), Pazos de Borbén (Pazos de Borbén) e Oitavén (Fornelos de Montes), nas que se plantaron un total de 32.004 piñeiros do país. Precisamente, nesta visita José Luis Chan estivo acompañado polo presidente da comunidade veciñal da Lamosa, Nelson Paramés. Todos estes montes están baixo a xestión da Xunta, a través dos respectivos convenios coas comunidades de montes veciñais en man común propietarias. Ademais, tamén se traballará no monte de utilidade pública da entidade local menor de Queimadelos (Mondariz), xestionado tamén polo Goberno galego.

 

As actuacións que se están realizando consisten na eliminación de matogueira, na preparación do solo con celas raspadas, aburatado con retroaraña, aburatado con miniretroescavadora ou subsolado simple en curvas de nivel -segundo as condicións de cada parcela- e a posterior plantación de piñeiros, cunha densidade de 1.143 pés/ha. Con estes traballos de plantacións piloto estudarase o comportamento das familias de Pinus pinaster con alta protección ante o nematodo do piñeiro, segundo as investigacións realizadas no Centro de Investigación Forestal de Lourizán, dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

A totalidade desta produción dedicarase a traballos de avaliación e investigación. Ademais, para intentar aumentar a produción, e no marco do convenio da Consellería do Medio Rural coa Fundación Arume, estase a traballar na implantación de campos de plantas nai e produción de piñeiros resistentes mediante estaquilla. Con este método pódese aumentar considerablemente a produción de planta.

Ao tempo a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal está a clonar ditos proxenitores, co fin de aumentar a produción de semente e poder subministrar este material de alto valor aos produtores o máis rapidamente posible.

Compromiso da Xunta

No Plan Forestal de Galicia 2020-2040 “Cara a neutralidade carbónica” recóllese no seu Eixo I a contribución do monte galego á conservación da natureza e á prestación doutros servizos ambientais, destacando entre os seus obxectivos programáticos a conservación e mellora dos recursos xenéticos forestais. Ao tempo, no Eixo II abórdase a protección, a sanidade forestal e a prevención e defensa contra incendios forestais, onde se recollen entre os seus obxectivos a saúde e vitalidade dos montes.

Polo tanto, a Xunta promove bosques cunha boa saúde, apostando por traballos de control e certificación de sementes, por materiais forestais de reprodución e producións forestais autóctonas. Tamén é fundamental favorecer a produción de materiais forestais de reprodución de categorías superiores e en cantidades necesarias para obter produtos de alta calidade, impulsando deste xeito a actividade de creación e mantemento de parcelas que conserven e melloren ditos recursos xenéticos forestais.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 27/04/2022