Feijóo reivindica a política fiscal da Xunta que permitiu que desde 2009 os galegos dispuxeran de máis de 1.200 M€ nos seus petos

Indica que coas rebaixas autonómicas do IRPF as rendas baixas pagarán no ano 2022 un 22,6 % menos que en 2009

Solicita de novo ao Goberno central que actúe de modo semellante aprobando medidas complementarias e aliviando a carga fiscal das familias
 

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2022
Compartir
  • whatsapp

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou hoxe a política fiscal da Xunta que permitiu que desde 2009 os galegos e galegas dispuxeran de máis de 1.200 M€ nos seus petos.

 

Nesta liña, incidiu en que xa se están a aplicar as rebaixas autonómicas de impostos aprobadas para este ano e puxo como exemplo a do IRPF, que suporá que as rendas máis baixas paguen un 22,6 % menos que no 2009.

 

Ademais, fixo balance tamén doutras medidas fiscais encamiñadas a protexer as rendas medias e baixas que se implementaron nos últimos anos como a conxelación das taxas universitarias, o programa de impostos 0 no rural, a exención do imposto de sucesión para o 99% dos galegos, ou a gratuidade tanto dos billetes de autobús interurbano para os menores de 21 anos como das escolas infantís.

 

Ao longo da súa intervención tamén lle solicitou de novo ao Goberno central que actúe de modo semellante aprobando medidas complementarias e aliviando a carga fiscal das familias. “Cun incremento de prezos dun 10% non baixar impostos é destruír as capacidades de chegar a fin de mes das familias”, recalcou. Nese sentido, instou ao Goberno central a devolver a parte dos impostos recadada a consecuencia da inflación, 7.500 M€,  aos traballadores.

 

Por último, en relación ao IPC e logo de lamentar que en Galicia suba por riba da media de España, lembrou que a causa principal deste incremento está no prezo da Enerxía, afectado por unha transición “desordenada, improvisada e inxusta” impulsada polo Goberno central. Ao respecto, Feijóo salientou que estará vixiante ante o acordo acadado onte en Bruxelas en relación ao prezo do gas e á espera de coñecer a letra pequena.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/04/2022