A Xunta licita por máis de 1 millón de euros as obras de ampliación da rede de saneamento municipal de Padrón

Trátase de executar unha rede de colectores e 4 estacións de bombeo de augas residuais nos núcleos de Herbón, Lestido, A Aduana e O Paraíso

A intervención enmárcanse no convenio de colaboración asinado co Concello, polo que a Xunta asume o 80% do financiamento, a contratación das obras e a súa execución

As actuacións darán servizo a unha poboación total futura de 669 habitantes e contan cun prazo de execución de seis meses
 

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, licitou hoxe por 1.048.252 euros a ampliación da rede de saneamento municipal do concello de Padrón.

 

Trátase da execución das obras dunha rede de colectores e catro estacións de bombeo de augas residuais nos núcleos de Herbón, Lestido, A Aduana e O Paraíso.

 

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica recolle hoxe o inicio da contratación desta actuación. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 27 de maio. As obras contan cun prazo de execución de seis meses.

 

Esta intervención enmárcase no convenio asinado o pasado mes de novembro pola Consellería de infraestruturas e Mobilidade e o Concello, na liña de colaboración que vén desenvolvendo a Xunta de apoio ao desenvolvemento das competencias municipais en materia de auga.

 

Segundo o citado convenio, a Xunta, a través de Augas de Galicia, asume o cofinanciamento das actuacións nun 80%, achegando un total de 920.000 €, e levará a cabo a contratación, dirección e execución das obras.

 

Pola súa banda, o Concello de Padrón asume o 20% do financiamento restante das obras, a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.

As actuacións serán financiadas pola Unión Europea no marco do eixe REACT UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da covid-19.

 

O detalle das obras

Máis en detalle, as obras de ampliación da rede de saneamento executaranse de modo que se conecten á rede xeral para, posteriormente, ser conducidas ata a estación depuradora de Padrón as augas residuais xeradas en Herbón, así como nos núcleos do Barco, Lestido, O Piñeiro, Vista Alegre, A Aduana, O Pombal, O Muelle e O Paraíso, da parroquia de Iria Flavia.

 

A intervención licitada hoxe centrarase na ampliación da rede de saneamento mediante unha serie de colectores por gravidade executados en tubaxe de PVC. Ademais, prevense 4 estacións de bombeo nos puntos baixos: nos núcleos de Herbón, Lestido, A Aduana e O Paraíso. As impulsións proxéctanse en polietileno de 90 mm de diámetro.

Coa rede proxectada por Augas de Galicia darase servizo a unha poboación de 669 habitantes para o ano horizonte 2044.

Data de actualización: 27/04/2022