Xunta e porto de Vigo inician a “transformación histórica” do Berbés coa licitación da nova senda peonil e ciclista

Marta Fernández-Tapias destaca a colaboración entre institucións para o fomento da mobilidade sostible na fachada marítima de Vigo

A obra estará acabada no prazo dun año e permitirá pasear ou circular por un carril bici que unirá A Laxe con Beiramar

“Este 27 de abril é un día moi sinalado, porque cumprimos un compromiso e damos un paso para acercar aos vigueses ás súas raíces”
 

Vigo, 27 de abril de 2022
Compartir
  • whatsapp

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, presentou este mércores xunto ao presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña, o novo proxecto de senda peonil e ciclista do Berbés. A actuación entra na fase de licitación para que poida comezar a executarse xa no verán e estea finalizada no prazo total dun ano.

 

Cun investimento de 1,5 millóns de euros, a senda desenvolverase pola beira da avenida e integrarase nos espazos que forman parte do entorno de Portocultura. Estas obras levaranse a cabo de xeito compatible coa operativa portuaria da zona e o paso dos transportes especiais.

 

“A Xunta e o Porto demostran de novo que a colaboración é sempre a mellor opción e o convenio firmado entre ambas institucións permitirá abrir o paso por unha zona ata o de agora pechada a peóns”, sinalou a representante autonómica

 

A lonxitude da nova senda será de 560 metros, cun carril bici que partirá desde a zona da Laxe e que enlazará co paseo xa practicamente rematado na avenida de Beiramar. O peche portuario será totalmente renovado cunha valla de menor impacto visual e con zonas verdes nas que se incorporarán árbores, bancos e superficies axardinadas.

 

“Este 27 de abril é un día moi sinalado, porque cumprimos un compromiso e damos un paso para acercar aos vigueses ás súas raíces”, destacou Fernández Tapias durante a presentación do proxecto. Pola súa banda, Vázquez Almuiña incidiu no obxectivo da institución que preside de “ofrecer á cidadanía un novo espazo de mobilidade sostible”, para o que contará coa colaboración do Goberno galego, que cofinanciará parte das obras.

 

Retranqueo na zona de peche do porto

Ademais, darase continuidade ao itinerario pola zona portuaria salvando a discontinuidade existente no treito urbano provocada pola cota deprimida da praza do Berbés e polos accesos ao túnel de Beiramar. A nova senda desenvolverase pola beira do mar da avenida e integrarase nos espazos que forman parte do entorno de Portocultura. Na zona de peche do porto efectuarase un retranqueo para que haxa espazo suficiente para unha plataforma compartida entre peóns ciclistas, respectando a separación entre o peche e as edificacións interiores.

A actuación completarase coa reposición das redes de servizos afectados polo retranqueo realizado, coa instalación de mobiliario urbano, de sinalización, de elementos de xardinería e a súa rede de rego. Estas obras levaranse a cabo de xeito compatible coa operativa portuaria da zona e o paso dos transportes especiais.

 

Avenida de Beiramar

No que se refire á humanización da avenida Beiramar, intervirase ao longo de 1,6 km, ampliando as beirarrúas de modo que permitan o tránsito peonil e ciclista. Dotarase tamén o tramo de novo mobiliario urbano, de iluminación eficiente, zonas verdes e reordenaranse as áreas de aparcadoiro.

Tanto a senda peatonal como a futura humanización da avenida de Beiramar, que se materializará a comezos de 2023, foron aprobados a pasada semana no Consello da Xunta celebrado en Vigo.

 

Achega de 3,5 millóns

De acordo cos compromisos establecidos no acordo, a Xunta financiará estas actuacións, coa achega maioritaria, por importe de 3,5 millóns de euros procedentes dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea.

 

Pola súa banda, a Autoridade Portuaria de Vigo financiará o importe restante, é dicir, aproximadamente un millón de euros, redactará os documentos técnicos das actuacións e licitará e executará as obras. 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/04/2022