A Xunta financia con preto de 1,4M€ a contratación dun cento de traballadores para a prevención de incendios nos concellos lucenses

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que o programa Aprol Rural facilita a inserción laboral dos participantes ao tempo que colabora na prestación de servizos municipais

Lugo, 29 de abril de 2022.-
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Emprego e Igualdade vén de notificar aos concellos lucenses a concesión das axudas do programa Aprol Rural, que suporá a contratación de 99 persoas para realizar tarefas relacionadas maioritariamente coa prevención de incendios; suman un investimento na provincia de 1.390.700 euros.

 

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que esta iniciativa pretende proporcionar a persoas desempregadas a experiencia e a práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral, ao tempo que colabora na prestación de servizos municipais.

 

En concreto, as persoas contratadas traballarán durante un período de nove meses en labores de mantemento e aproveitamento das faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, como son a planificación preventiva, a valorización forestal, a silvicultura, a limpeza de montes ou a xestión da biomasa.

 

Na provincia de Lugo reciben apoio todos os concellos salvo o do da capital, xa que o programa está dirixido aos municipios rurais e exceptúa ás sete grandes cidades galegas e outras con núcleos densamente poboados.

 

As entidades locais incorporan entre un e tres traballadores en xornadas a tempo completo; teñen preferencia os concellos emprendedores e os fusionados. As achegas por cada contrato van dos 13.970 euros aos 20.250 euros en concepto de gastos salariais segundo o grupo de cotización. 

 

En canto á distribución por zonas, na Mariña destínanse 349.150 euros a financiar 25 contratos; na Zona Sur a Xunta apoia a contratación de 22 traballadores cun investimento de 307.200 euros, e na Terra Chá e Meira destínanse 209.550 euros para 15 empregos.

 

Pola súa banda, as axudas concedidas nas comarcas da Fonsagrada e Os Ancares suman 128.260 euros para promover nove contratacións; na área de Sarria impúlsanse tamén nove con 131.150 euros; na comarca de Lugo facilítase a integración laboral de 13 persoas coa concesión de 181.600 euros, e na Ulloa a de seis persoas cun investimento de 83.820 euros.

 

Arias incidiu en que esta colaboración enmárcase nos programas da Xunta para impulsar o emprego local, que inclúen outras liñas de axudas como as dirixidas a contratar a persoas perceptoras da Risga ou a que facilita cubrir postos de socorristas.

Data de actualización: 29/04/2022