O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal explicou hoxe na Comisión 7ª do Parlamento o funcionamento das poxas públicas de madeira

A Xunta aposta pola dixitalización e descarbonización no sector forestal para acelerar os seus procesos produtivos e fomentar os ecomateriais substitutivos baseados na madeira

José Luis Chan trasladou que desde o ano 2020 as poxas públicas de madeira na nosa comunidade realízanse de xeito totalmente electrónico, o que deriva nun gran aforro de custos para os interesados ao evitar desprazamentos e o uso de papel

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural deu conta do proceso de aprobación dun proxecto promovido polo concello do Pino e beneficiario dunha axuda da medida Leader

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, analizou a situación actual do consello regulador da denominación de orixe Ribeira Sacra
 

Santiago de Compostela, 29 de abril do 2022.-
Compartir
  • whatsapp

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, explicou esta mañá na Comisión 7ª do Parlamento o a importancia de tramitar poxas públicas de madeira de xeito telemático. Alí, destacou que o Goberno galego aposta pola dixitalización do sector forestal para acelerar os seus procesos produtivos -mediante o emprego de poxas electrónicas- e pola descarbonización para fomentar o potencial de ecomateriais substitutivos baseados en madeira, en sectores tan punteiros como a construción, os téxtiles, os produtos químicos ou o envasado.

 

Neste senso, José Luis Chan trasladou que desde o ano 2020 as poxas públicas de madeira na nosa comunidade realízanse de xeito totalmente electrónico, o que deriva nun gran aforro de custos para os interesados ao evitar desprazamentos e o uso de papel, ademais dunha diminución importante no tempo de duración da propia poxa, pasando de máis de tres horas a apenas unha.

 

Así, o director xeral sinalou que, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a Consellería do Medio Rural desenvolveu un sistema de aplicacións informáticas que permite desde a consulta dos lotes ofertados ata a realización da poxa coa máxima seguridade xurídica e transparencia. Ademais, a posta en marcha do visor de aproveitamentos madereiros permítelle aos interesados coñecer con todo detalle a composición dos lotes ofertados, incluídos os pregos, sen ter que desprazarse ás parcelas. Polo tanto, asegurou Chan, a posta en marcha deste sistema de poxas electrónicas contribuíu a acelerar os procesos produtivos no monte ao incentivar a simplificación administrativa e, ao incorporarse xusto antes da pandemia, permitiu continuar a actividade do sector con certa normalidade. 

 

Con estas melloras tecnolóxicas, asegurou o director xeral, a Xunta consegue empoderar aos silvicultores e ás súas agrupacións como un dos alicerces fundamentais fronte ás oportunidades e retos que demanda o Pacto Verde e a transición á bioeconomía circular.

Precisamente, nunha sociedade en vías de descarbonización, matizou José Luis Chan, o potencial de ecomateriais substitutivos baseados en madeira son o futuro en numerosos sectores, xa que a sociedade en xeral centra as súas demandas no uso de materiais renovables con baixa pegada de carbono e recursos endóxenos, é dicir, de “quilómetro 0”.

 

Nesta liña, o director xeral lembrou que o propio Plan forestal de Galicia 2020-2040 “Cara a neutralidade carbónica” recolle estes principios a través da súa estratexia de “Dixitalización & Descarbonización” , ademais de apostar pola innovación tecnolóxica para conseguir o obxectivo de 12 millóns de metros cúbicos anuais de aproveitamentos madeireiros en Galicia para o quinquenio 2031-2035.

 

Axudas Leader no concello do Pino

Pola súa parte, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, deu conta do proceso de aprobación dun proxecto non produtivo promovido polo concello do Pino e beneficiario dunha axuda da medida Leader, por importe de algo máis de 30.000 euros.

 

Sobre isto, Inés Santé subliñou que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural exerce as súas funcións de control e supervisión dos proxectos Leader e dos pagos realizados a través das diferentes modalidades que contempla o Plan galego de controis da medida 19 Leader. Así, asegurou que dito proxecto contaba no momento do pago desta axuda dun acta de control de investimentos, realizado polo propio Grupo de Desenvolvemento Rural 23, Ulla-Tambre-Mandeo, que certificaba este expediente de pago.

 

Consello regulador da DO Ribeira Sacra

Por último, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, analizou a situación actual do consello regulador da denominación de orixe Ribeira Sacra e destacou as cifras de comercialización deste viño, tanto as relativas ao volume como ao prezo.

 

Neste sentido, Cabarcos apuntou que a Xunta dirixiu as súas actuacións na dirección do cumprimento da normativa vixente e na salvagarda dos intereses do sector vitivinícola da Ribeira Sacra.    

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 29/04/2022