A Comisión de Heráldica aproba novos símbolos para os concellos de Punxín, Mugardos, Soutomaior e Alfoz

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, presidiu hoxe a reunión da Comisión de Heráldica

No encontro aprobouse o escudo e a bandeira de Punxín, o escudo de Mugardos e as bandeiras de Soutomaior e Alfoz, ademais de acordar remitir nova proposta heráldica para o municipio de Oia

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2022.- A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, presidiu hoxe a reunión anual da Comisión de Heráldica na que se aprobou o escudo e a bandeira do concello ourensán de Punxín, o escudo do municipio coruñés Mugardos, e as bandeiras dos concellos de Soutomaior (Pontevedra) e Alfoz (Lugo).

No encontro desta mañá, a comisión tamén acordou remitir nova proposta heráldica para o concello de Oia e examinou o estado de tramitación dos expedientes de escudos e bandeiras do Carballiño, Rodeiro, Gondomar e a Entidade Local Menor de Morgadáns, tamén en Gondomar.

O Goberno autonómico leva aprobados un total de 274 escudos e bandeiras das entidades locais de Galicia no seo da Comisión Heráldica da Xunta, tras a petición dos respectivos concellos de modificar ou rehabilitar os seus símbolos para adaptalos ao decreto que os regula.

Segundo explicou a directora xeral de Administración Local, os municipios e as demais entidades locais de Galicia poderán adoptar escudos heráldicos e bandeiras propios e privativos, modificar os xa existentes ou rehabilitar os que historicamente se empregasen, baseándose sempre en feitos históricos ou xeográficos característicos e peculiares do seu territorio e conforme ás normativas de heráldica.

Ningunha entidade local de Galicia poderá utilizar escudo heráldico ou bandeira que non fosen aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, sen prexuízo daqueles que foron aprobados pola Administración do Estado con anterioridade á transferencia de competencias a favor da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Comisión de Heráldica é o órgano consultivo da Xunta de Galicia adscrito á consellería competente en materia de réxime local, a Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, sendo a encargada de emitir informes vinculantes de aprobación, modificación ou rehabilitación de escudos heráldicos e bandeiras das entidades locais galegas. Ademais, poderá elaborar as correspondentes propostas para a modificación ou rehabilitación de escudos heráldicos e bandeiras daquelas corporacións locais que así o soliciten, sen ningún cargo para a entidade local interesada.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/04/2022