O dispositivo de atención sanitaria aos refuxiados desprazados de Ucraína posto en marcha pola Xunta na Cidade da Cultura leva atendidas a 380 persoas

O obxectivo xeral da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade é levar a cabo as actuacións necesarias para promover e mellorar a saúde das persoas desprazadas a Galicia dende Ucraína, así como previr e detectar enfermidades

Ata o momento, o Sergas administrou 106 vacinas, entre covid e pediátricas

A Xunta realizou o segundo envío de medicamentos previsto para os desprazados ucraínos que están no campo de refuxiados en Polonia por valor de 20.000 €

Santiago de Compostela, 1 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

O punto de atención sanitaria que a Xunta de Galicia ten habilitado na Cidade da Cultura para atender ás persoas desprazadas dende Ucraína, asistiu, entre o 30 de marzo e o 27 de abril, a un total de 381 persoas, o que representa o 92,3% das que foron citadas (413). Este dispositivo, formado por profesionais do Servizo Galego de Saúde, atendeu neste tempo a unha media de 27 persoas por día, sendo o 76% mulleres.

Por áreas sanitarias, a maioría das persoas atendidas corresponden á de Santiago de Compostela e Barbanza, con 174, o que supón o 45,7% do total. O resto das persoas atendidas corresponden maioritariamente ás áreas de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras (99), A Coruña e Cee (54) e Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos (49).

Das actuacións realizadas, un total de 234 foron altas en tarxeta sanitaria, o 61,4% das persoas que acudiron necesitaron tramitar a alta da documentación sanitaria, o resto xa dispoñía dela. O número de historias clínicas realizadas foi 381, o 100%.

Respecto das vacinas administradas, foron 106, contra a covid e pediátricas.

O obxectivo xeral deste dispositivo, posto en marcha polo Goberno galego, é levar a cabo as actuacións necesarias para promover e mellorar a saúde das persoas desprazadas a Galicia dende Ucraína, así como previr e detectar enfermidades.

Os principais procesos que se realizan neste punto de atención son a tramitación da documentación acreditativa da asistencia sanitaria; a valoración do estado de saúde por medio da confección da historia clínica e toma de mostra para determinadas probas; a valoración do estado de inmunización e administración de vacinas e, no caso necesario, o apoio psicolóxico.

A Xunta de Galicia continúa a dar apoio ás persoas desprazadas por mor da guerra en Ucraína e xa realizou o segundo envío de medicamentos previsto para os desprazados ucraínos que están no campo de refuxiados en  Polonia. O importe deste envío ascende aos 20.000 €.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 01/05/2022