A Xunta asegura que a fábrica de fibras téxtiles será un revulsivo para favorecer a dixitalización da industria forestal e os novos usos da madeira

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación en funcións, Francisco Conde, o conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, mantiveron xunto co conselleiro delegado de Altri, Jose Soares, e a directora xeral da Sociedade Impulsa Galicia, Enyd López, un encontro co sector forestal galego sobre este proxecto que se celebrou na Cidade da Cultura

O Goberno galego garante a máxima axilidade administrativa ao considerar esta iniciativa un proxecto industrial estratéxico

Avanza que a intención da Xunta é celebrar unha nova reunión co Goberno central para identificar os instrumentos, dentro dos fondos europeos, nos que este proxecto pode encaixar
 

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación en funcións, Francisco Conde, o conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, mantiveron xunto co conselleiro delegado de Altri, Jose Soares, e a directora xeral da Sociedade Impulsa Galicia, Enyd López, esta mañá na Cidade da Cultura, un encontro co sector forestal galego sobre o proxecto da fábrica de fibras téxtiles.

 

Na súa intervención, Conde asegurou que a fábrica de fibras téxtiles será un revulsivo para a industria forestal, tanto desde o punto de vista dos novos usos da madeira, como da dixitalización do sector e do avance na ecoinnovación e ecodeseño. Destacou, ademais, a capacidade desta iniciativa para xerar emprego de calidade e atraer tanto novas industrias como investimentos nos sectores forestal e téxtil. Neste sentido, Altri prevé a creación de máis de 2500 postos de traballo directos e indirectos e un investimento de 800 millóns de euros.

 

O vicepresidente económico en funcións sinalou que o importante agora é o desenvolvemento dun traballo conxunto de todas as administracións para que a fábrica xere o impacto desexado. Así, explicou que para a Xunta será un proxecto industrial estratéxico, o que permitirá dotar a súa tramitación dunha maior axilidade, o que contribuirá a poder reducir á metade os prazos de tramitación, mantendo ao mesmo tempo todas as garantías xurídicas, técnicas e medioambientais.

 

Conde tamén lembrou que o Goberno central coñece este proxecto, xa que é un dos que Galicia seleccionou e presentou como prioritarios, tal e como se lle solicitara desde o Executivo estatal. Avanzou que a intención da Xunta é celebrar un novo encontro co Goberno central para actualizar o estado do proxecto e identificar os instrumentos, dentro dos fondos europeos, que permitirían a súa posta en marcha.

 

Conde agradeceu a confianza de Altri pola súa aposta de implantarse en Galicia e destacou que se trata dun proxecto que xerará valor en toda a cadea monte-industria. No encontro avaliouse o impacto da fábrica no sector forestal galego, que produce 10 millóns de metros cúbicos de madeira industrial; e explicáronse as ferramentas das que dispón o Goberno galego para garantir a diversidade de recursos forestais como o Plan forestal galego ou a elaboración do inventario forestal permanente.

 

Este proxecto suporá un importante impulso para o medio rural e para conseguir unha xestión sostible dos bosques e da silvicultura de Galicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/05/2022