Nesta primeira xornada contarase coa presenza do conselleiro do Medio Rural, José González, quen tamén presidirá a clausura do evento o vindeiro venres

Arranca o I Congreso Internacional de Innovación “Spin Rural” organizado pola Xunta

A benvida aos participantes neste evento, que se desenvolve no pazo de Xerlís, na Estrada, correu a cargo da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

O programa de actos inclúe charlas, mesas redondas, encontros de negocio e conversas entre expertos na materia, xunto con degustacións comentadas de produtos galegos de calidade diferenciada

Compartir
  • whatsapp

A Estrada (Pontevedra), 4 de maio de 2022.- O conselleiro do Medio Rural, José González, asistirá esta tarde a unha das actividades programadas dentro do I Congreso Internacional de Innovación “Spin Rural-Visionarios da terra”, que se celebra ata o vindeiro venres no pazo de Xerlís, no municipio pontevedrés da Estrada.

 

Así, González estará, xunto coa directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, na “cata de preguntas visionarias”. Esta experiencia terá como protagonistas viños e augardentes galegos amparados por unha denominación de orixe (DO). Desta forma, representantes dos consellos reguladores dos viños de Monterrei, Ribeiro e Ribeira Sacra, así como da DO Augardentes e Licores de Galicia, exporán as principais características destas bebidas e serán sometidos a preguntas “sorpresa”. Ademais, farase unha cata especial centrada nun dos sentidos que non se empregan ao degustar unha bebida: o ouvido.

 

Neste evento, así como en todos os programadas dentro deste Spin Rural, participarán expertos en innovación de diferentes ámbitos, tanto da empresa privada como das administracións ou das universidades, así como os xa mencionados responsables de distintos consellos reguladores de produtos agroalimentarios galegos de calidade diferenciada. Como mestra de cerimonias actuará Helena Díez-Fuentes, experta presentadora e dinamizadora de eventos en directo, gran parte deles relacionados cos sectores da innovación, o investimento e a tecnoloxía.

 
Benvida

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, foi a encargada de dar esta mañá a benvida aos participantes nun evento que, tal como destacou, pretende fomentar a innovación no agro galego e contribuír, ao tempo, á difusión de diferentes proxectos que camiñan nesta liña. Trátase, así mesmo, de coñecer a experiencia de distintos expertos na materia, todo nun ambiente distendido e lúdico, que pretende facer o máis atractivas posible as xornadas de debate, remarcou.

 

Así, o programa deste Spin Rural, que ten un aforo limitado, inclúe charlas, mesas redondas, encontros de negocio e conversas entre especialistas, combinadas todas elas con degustacións de produtos galegos de calidade diferenciada e outras citas de carácter lúdico.

 

O evento pode seguirse, na súa integridade, en formato de realidade virtual mediante vídeos 360 en Youtube, no enlace https://www.youtube.com/watch?v=DYznLlozYbo. Trátase do primeiro congreso destas características que incorpora esta posibilidade. Asemade, tamén estará dispoñible nas redes sociais: en twitter e en Instagram, no enderezo @Spin_Rural.

 

A maiores, toda a información sobre o congreso pode consultarse na seguinte web: https://www.spinrural.com/home-ga.html.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/05/2022