A Xunta continúa avanzando no emisario submarino dos Praceres, en Pontevedra, coa perforación do túnel rematada e unha execución dos traballos que acada o 44 %

Xa se ten completado o tramo en túnel do emisario, cunha lonxitude final de 690 metros, que se acometeu coa máquina tuneladora procedente de Alemaña, xa retirada

Nas últimas semanas traballouse no desmontado de toda a loxística da operación levada a cabo coa tuneladora, un proceso finalizado este luns

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta continúa avanzando nas obras do emisario submarino da depuradora dos Praceres, en Pontevedra, coa perforación do túnel xa rematada e unha execución global dos traballos que xa acada o 44 %.

Cómpre lembrar que o 18 de abril se completou o tramo en túnel, cunha lonxitude final de 690 metros que se acometeu grazas ao traballo da máquina tuneladora procedente de Alemaña, que xa foi retirada.

Neste sentido, desde esa data e ata este luns traballouse no desmontado de toda a loxística da operación levada a cabo coa tuneladora. Para iso foi preciso desmontar cableados, carros e tubaxes, o lastrado provisional da tuneladora ou a inundación da tubaxe, entre outras accións.

Na actualidade estanse a fabricar os lastres do tramo fondeado, levando a cabo traballos como a disposición da rampla de colocación de tubaxe, a escavación da cámara de carga ou a extensión do formigón e aceiro necesarios.

Cómpre lembrar que a finais de marzo comezara a traballar a máquina singular de grandes dimensións procedente de Alemaña co fin de configurar o treito en túnel.

Mediante unha tecnoloxía singular, chamada ‘direct pipe’, realizouse unha perforación dirixida, un sistema pioneiro en España. A tuneladora, na fronte da escavación abríalle paso á tubaxe que forma o túnel e un propulsor fixo foino empurrando cara ao interior e permitiu o avance dese conxunto de traballos de tuneladora máis tubaxe.

O avance nas obras foi posible grazas á velocidade de 40-90 mm/min que acadou a máquina e ao traballo intenso as 24 horas do día, con quendas tamén en fins de semana e festivos.

O novo emisario, que supón un investimento autonómico de 12 millóns de euros, ten como obxectivo mellorar a saída das augas depuradas, optimizando a dilución e a dispersión para que non afecte nin á actividade extractiva nin ao baño.

Esta actuación súmase á mellora executada na depuradora dos Praceres, cun orzamento de 16,5 millóns de euros. Así, ambas as intervencións posibilitarán dar un enorme salto na calidade das augas da ría de Pontevedra, completando un investimento global de case 30 millóns de euros.

No que se refire á depuradora, xa se están a amosar uns resultados satisfactorios dos parámetros das augas tratadas polas instalacións, que se atopan na actual fase final de posta en marcha e de probas, que se prevé culminar no verán.

Estas dúas actuacións enmárcanse no Plan de saneamento da ría, que se complementará con accións como o saneamento do río Lameira, o bombeo de Cocheras ou saneamento da Seca e do porto de Campelo en Poio, sumando un investimento da Xunta de preto de 50 M€.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/05/2022