O presidente da Xunta en funcións visitou hoxe as instalacións do novo albergue público

Feijóo destaca a apertura, a vindeira semana, do primeiro albergue de peregrinos do Camiño de Inverno no Saviñao

Confirma que a este centro de peregrinos se sumará outro en Carballeda de Valdeorras

Resalta que, ao finalizar este ano, a rede pública de albergues ascenderá a 78 edificios, que contarán con máis de 4.200 prazas

Salienta que os últimos datos de peregrinos constatan que, tras a pandemia, Galicia atrae de novo a milleiros de visitantes de todo o mundo

O Saviñao (Lugo), 4 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a apertura, a vindeira semana, do primeiro albergue público de peregrinos do Camiño de Inverno no Saviñao.

 

Durante unha visita ás novas instalacións, Feijóo salientou que este albergue, situado no antigo Pazo Bispal de Diomondi, Ben de interese Cultural, conta con todo tipo de servizos –34 prazas, aseos, cociña, sala de ocio, lavadoiro e cuarto de bicicletas-; ademais de garantir a accesibilidade e a inclusividade, con habitacións adaptadas a persoas con mobilidade reducida, pictogramas e paneis en sistema Braille ou bucles magnéticos para persoas con problemas auditivos.

 

“Pero o do Saviñao non será o único albergue público co que contará esta ruta, que pasa polas catro provincias e que ten moitos atractivos, como os bancais de vides ou os meandros da Ribeira Sacra, candidata á Patrimonio da Humanidade, así como igrexas e mosteiros de estilo románico en cada recuncho”, afirmou, recordando a aprobación, no último Consello, do convenio con Carballeda de Valdeorras para a rehabilitación dunha edificación tradicional e convertela en centro de peregrinos.

 

Nesta mesma liña, referiuse tamén ás actuacións que a Xunta ten en marcha noutras rutas xacobeas, co fin de seguir mellorando a atención aos peregrinos. Así, a modo de exemplo, salientou que Ferrol contará este ano co seu primeiro albergue, tras a rehabilitación da antiga Hospedería da Casa do Mar; “A Coruña está á espera de que o Concello ceda a parcela e conceda os permisos; en Piñor investirase máis dun millón de euros con este mesmo fin e, en Riós, investiranse preto de 300.000 euros”, engadiu, subliñando que estes proxectos contribuirán a que ao finalizar este ano, a rede pública de albergues ascenda a 78 edificios, que contarán con máis de 4.200 prazas.

 

O titular do Goberno galego en funcións aproveitou a súa intervención para incidir en que o traballo para mellorar todas as rutas é constante. Ao respecto, lembrou, entre outros aspectos, que o Plan Xacobeo Next Generation conta cun investimento de preto de 40 millóns para: fomentar o Camiño como destino seguro; impulsar actividades como o cicloturismo; promocionar a Ruta Xacobea Marítimo-fluvial polo Mar de Arousa e Río Ulla ou a Ruta Traslatio; ou rehabilitar 12 Bens de Interese Cultural.

 

“E xa estamos a traballar no Plan Director 2022-2027, co fin de fixar os obxectivos e actuacións cara ao vindeiro Ano Santo”, asegurou, precisando que ao anterior programa 2015-2021 se destinou un orzamento de 67 millóns de euros.

 

Feijóo concluíu resaltando que os últimos datos de peregrinos constatan que, tras a pandemia, Galicia atrae de novo a milleiros de visitantes de todo o mundo. “E xa non falamos só de turismo nacional, o protagonista o ano pasado, senón que o 46% dos peregrinos proceden doutros países”, abundou.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/05/2022