Os autobuses interurbanos da Xunta transportaron no primeiro trimestre do ano un 32% máis de viaxeiros que no mesmo período de 2021

Marzo foi o mes con maior demanda desde o inicio da pandemia da COVID-19, superando os 2,9 millóns de usuarios

Con todo, o crecemento sostido da demanda aínda non recuperou os niveis anteriores á crise sanitaria situándose aínda en marzo un 24% por debaixo

O aumento é destacable en concesións cun gran volume de usuarios que medran por enriba da media, incluso máis dun 50% nos tres primeiros meses do ano

Destaca o incremento dos usuarios xerais que empregan o transporte compartido, que no mes de marzo foron un 210% máis que a media mensual de 2021

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

Os autobuses interurbanos da Xunta transportaron no primeiro trimestre do ano un 32% máis de viaxeiros que no mesmo período do ano 2021.

 

Nos tres primeiros meses de ano o transporte interurbano, de responsabilidade autonómica, rexistrou 7,74 millóns de usuarios fronte aos 5,86 millóns dos tres primeiros meses de 2021.

 

A evolución das cifras mensuais de viaxeiros no transporte público de titularidade da Xunta amosan unha tendencia crecente no número de usuarios que se desprazan neste medio. Así, o pasado mes de marzo, o último con datos consolidados, foi o mes con maior demanda desde o inicio da pandemia da COVID-19, superando os 2,9 millóns de viaxeiros. Este dato é tamén un 32% superior á media mensual de todo o 2021.

 

Con todo, a progresiva recuperación da demanda global no transporte público aínda non alcanza as cifras previas á crise sanitaria. A pesar do crecemento, o pasado mes de marzo o número de usuarios non escolares no transporte interurbano foi un 24% menor á cifra estimada antes do impacto da COVID-19 na mobilidade.

 

O aumento experimentado na demanda é destacable nalgunhas concesións cun gran volume de viaxeiros, que medran por enriba da media, incluso máis dun 50% nos tres primeiros meses do ano. Entre elas, atópanse as concesións que prestan servizo na comarca do Baixo Miño e sur da comarca de Vigo; no leste da comarca da Coruña; e no norte da comarca de Betanzos, sur da de Ferrol e oeste da de Eume. Ata marzo, estas concesións incrementaron a súa demanda con respecto ao mesmo período do 2021 un 55%, un 51% e un 45%, respectivamente.

 

No conxunto de Galicia é salientable o crecemento do número de viaxeiros xerais que empregan os servizos compartidos, que superaron os 225.000 no primeiro trimestre. Isto pon de manifesto a boa acollida entre a poboación non escolar desta modalidade de transporte posta en marcha pola Xunta, que permite empregar as prazas baleiras e que o autobús chegue a onde antes non chegaba.

 

Nos primeiros tres meses do ano o incremento de usuarios xerais que empregaron o transporte compartido foi dun 8,7% con respecto ao trimestre anterior e en marzo medrou un 210% con respecto á media mensual de 2021. No acumulado ata marzo xa supera dous terzos do total do pasado ano.

 

A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, continúa a traballar no seguimento e optimización continua do transporte público por estrada co obxectivo de ofrecer máis e mellores servizos aos cidadáns e promover o seu uso como principal alternativa de desprazamento, un traballo que está a favorecer a recuperación da demanda.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/05/2022