A Xunta elabora o Plan de obesidade zero en Galicia 2022-2025 para fomentar hábitos saudables

Feijóo explica que incluirá un total de 40 accións co horizonte de reducir o sobrepeso na comunidade un 15% no 2030

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

O titular do Goberno galego en funcións, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa de Consello que a Xunta está a elaborar o Plan de obesidade zero en Galicia 2022-2025 para fomentar hábitos saudables.

 

Logo de recordar que é necesario adoptar medidas posto que máis da metade da poboación galega ten exceso de peso e máis do 16% sofre obsesidade, Feijóo explicou que no desenvolvemento deste plan se tivo en conta a evidencia científica, a opinión de sociedades científicas, axentes sociais, representantes do sector privado e a opinión da cidadanía.

 

Con respecto ao documento elaborado tras recompilar toda esa información, Feijóo salientou que contará con 3 eixos de actuación. En primeiro termo, impulsaranse modificacións de aquelas contornas que favorecen a obesidade con actuacións como a creación dunha rede de escolas promotoras de saúde, a oferta saudable nos comedores escolares ou a prescrición de exercicio físico desde o centro de saúde. E, por outra banda, achegarase información á cidadanía para a toma de decisións máis saudables e impulsarase a investigación e a innovación en promoción de saúde.

 

Trátase en definitiva, destacou, dun plan que incluirá 40 accións para acadar 11 obxectivos diferentes coa meta global de reducir o sobrepeso na Comunidade un 15% no 2030.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/05/2022