Feijóo avanza o plan de prevención de incendios, dotado con máis de 33 millóns para actuar en máis de 58.000 hectáreas e en case 5.800 quilómetros de pistas

Sinala que a Xunta ten previsto tramitar máis de 260 acordos con entidades locais para labores preventivas

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a posta en marcha do Plan de prevención de incendios que, dotado con máis de 33 millóns de euros, actuará en máis de 58.000 hectáreas e en case 5.800 quilómetros de pistas; ademais de levar a cabo a construción de máis de 110 novos puntos de auga e a mellora dos 4.750 existentes.

 

Durante a súa intervención, Feijóo explicou que entre os obxectivos do plan destacan: limitar a potencialidade dos grandes incendios forestais; xestionar a biomasa forestal en zonas estratéxicas, así como desenvolver un plan de queimas prescritas neses lugares; e concienciar a poboación sobre o risco dos lumes.

 

Para acadar este fin, a iniciativa estará estruturada en dous grandes bloques. O primeiro contará con accións dirixidas á cidadanía, como: sensibilización da poboación escolar, a través de charlas que impartirán os axentes ambientais e técnicos nos centros; formación para a poboación rural sobre normativa vixente e colaboración na prevención; campañas de difusión nos medios e o desenvolvemento do Centro integral para a loita contra o lume de Toén.

 

O segundo bloque estará integrado polo desenvolvemento de accións no territorio, entre as que destacan: a vixilancia do cumprimento das obrigas de xestión da biomasa nas faixas primarias -estradas e vías férreas-, secundarias -as máis próximas ás vivendas- e terciarias -camiños e pistas-; e os convenios coas entidades locais, como o subscrito coa Fegamp e Seaga, ao que xa están adheridos o 87% dos concellos (273).

 

Logo de salientar que, neste 2022, a Xunta ten previsto tramitar máis de 260 acordos con entidades locais para labores preventivas, Feijóo concluíu recordando que este Plan integrarase no Pladiga 2022, que se aprobará antes do inicio da tempada de alto risco de lumes que comeza o 1 de xullo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/05/2022