A Xunta reforza con 36 funcionarios o servizo de atención ao contribuínte na campaña da renda 2021

Galicia é a segunda comunidade autónoma que aporta máis colaboración de España á Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT)

A Atriga destina preto de 200.000 euros para facilitar que os contribuíntes galegos reciban axuda e asesoramento para facer a declaración do IRPF do exercicio 2021

A campaña de reforzo comeza hoxe e estará operativa ata o vindeiro 30 de xuño
 

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga), reforza con 36 funcionarios o servizo de atención aos contribuíntes galegos durante a Campaña da Renda 2021. A estes traballadores hai que sumarlle outros seis funcionarios da Xunta que realizarán labores de coordinación. Galicia é a segunda comunidade autónoma que aporta máis colaboración de España.

 

A ATRIGA vai colaborar coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) no desenvolvemento da Campaña da Renda 2021, e este ano destina preto de 200.000 euros ás plataformas mixtas de apoio ao contribuínte. A través destas plataformas, situadas en dependencias da AEAT nas sete grandes cidades galegas, os contribuíntes reciben axuda e asesoramento para facer a declaración do IRPF e a súa presentación a través de asistencia telefónica ou asistencia presencial.

 

A campaña de reforzo comeza hoxe co inicio da atención telefónica a través do ‘Plan Chamámoslle’ e abarcará tamén a asistencia presencial nas oficinas que comeza o vindeiro 1 de xuño. Ambas as dúas colaboracións rematan o 30 de xuño.

 

Desas 36 persoas contratadas para reforzar o servizo de atención aos contribuíntes na Campaña da Renda 2021, 11 corresponden á cidade de Vigo; seis á de Pontevedra; outros seis á de Lugo; cinco á de Ourense; tres ás de Santiago de Compostela e Ferrol respectivamente, e dúas á de Coruña.

 

No último exercicio, durante a Campaña da Renda 2020, o persoal aportado pola Atriga ás plataformas mixtas de atención ao contribuínte permitiu atender 20.974 citas no proceso de elaboración e presentación da declaración do IRPF. Delas, 8.955 atendéronse a través do ‘Plan Chamámoslle’ e 12.019 de xeito presencial.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/05/2022