A Xunta avanza en Lugo que traballa nunha nova Estratexia de responsabilidade social empresarial para construír unha Galicia máis sostible e competitiva

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe na I Feira de talento e emprego que organiza a Asociación de Empresarios do Ceao As Gándaras, na que puxo en valor as vantaxes de aplicar a RSE nos modelos de negocio

Sinalou que a nova Estratexia que se está a deseñar incluirá accións para axudar ás empresas galegas a enfrontar con éxito os retos e as oportunidades que presenta o desenvolvemento sustentable

Lugo, 5 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, avanzou hoxe en Lugo, na I Feira de talento e emprego organizada pola Asociación de Empresarios do Ceao As Gándaras, que a Xunta traballa no deseño dunha nova Estratexia galega de responsabilidade social empresarial coa que se busca construír unha Galicia con empresas máis competitivas e integradoras “con capacidade de resposta e adaptación aos retos globais en materia social e ambiental”.

A nova planificación incluirá accións para axudar ás empresas galegas a enfrontar con éxito os retos e as oportunidades que presenta o desenvolvemento sustentable, fomentando modelos de negocio que integren as variables económicas, ambientais e sociais e de bo goberno; e para impulsar a colaboración entre empresas, cidadanía e administración para continuar construíndo “unha Galicia sostible e competitiva”, engadiu. A Estratexia, en palabras de Mancha, visibilizará a relevancia da RSE e continuará impulsando comportamentos responsables nas empresas e na propia Administración.

A directora xeral explicou que aplicar a RSE aos modelos de negocio mellora a imaxe e a reputación da empresa; xera novas oportunidades de negocio; reforza as relacións coas comunidades locais; reduce o risco empresarial; ou fortalece o tecido económico e social local. Así mesmo, apuntou que implica maior potencial de innovación e mellora da competitividade; incrementa a eficiencia dos procesos produtivos e aforro de custos; xera maior capacidade de adaptación fronte aos cambios e xestión das crises; e mellora a motivación e da produtividade no traballo.

Para promover a RSE, a Xunta na actualidade ten en marcha, entre outras actuacións, o programa Responsabilízate, que promove a Consellería de Emprego e Igualdade para axudar a unhas 180 empresas galegas a ser máis sostibles e impulsar a súa competitividade.

A iniciativa pretende asesorar de xeito gratuíto ás firmas participantes en materia de responsabilidade social empresarial (RSE) co obxectivo de apoiar ás pemes a incorporar criterios sostibles na súa xestión a través da aplicación de valores ambientais, sociais e de gobernanza, entre outros. A actuación, ademais, inclúe o acompañamento na aplicación de medidas que fomenten a igualdade de oportunidades.

A Xunta aspira con este proxecto a reter talento e anticiparse ás esixencias europeas en materia de igualdade laboral, transparencia, dereitos humanos ou loita contra o cambio climático desde o mundo da empresa.

Responsabilízate vai dirixido ao tecido empresarial galego, a través das súas pequenas e medianas empresas que non superen os 50 millóns de euros de volume de negocio anual ou teñan un balance anual inferior a 43 millóns de euros. As inscricións ao programa Responsabilízate poden facerse a través da sede electrónica da Xunta, onde o prazo permanecerá aberto ata completar as 180 prazas previstas.

As empresas interesadas poden ampliar a información a través da oficina técnica do programa no correo electrónico responsabilizate.emprego.igualdade@xunta.gal.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/05/2022