A Xunta vén de transferir máis de 14,3 M€ a 3.670 beneficiarios das axudas agroambientais e de agricultura ecolóxica da convocatoria da PAC de 2021

O Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), organismo pagador dependente da Consellería do Medio Rural, realizou as correspondentes transferencias que chegarán ás contas dos particulares ao longo da semana que vén

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2022.- Un total de 3.670 persoas beneficiáronse en Galicia das axudas de agroambiente e clima e de agricultura ecolóxica correspondentes á campaña de 2021 da Política Agrícola Común (PAC), que suman máis de 14,3 millóns de euros.

 

Así, o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), organismo pagador dependente da Consellería do Medio Rural, vén de realizar as correspondentes transferencias para que os gandeiros e agricultores poidan recibir os pagos ao longo da semana que vén.

 

Destes 14,3 millóns de euros, algo máis de 12,3 millóns correspóndense ás axudas de agroambiente e clima, que benefician a 3.434 agricultores e gandeiros. En canto ás axudas de agricultura ecolóxica, o importe ascende a máis de 1,9 millóns de euros para beneficiar a 236 produtores.

 

A convocatoria destas subvencións publicárase no mes de xaneiro de 2021 a través dunha Orde da Consellería do Medio Rural pola que se regulaba a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control, no marco da PAC.

 
Campaña 2022

Cabe engadir que a Xunta ampliou ata o vindeiro 13 de maio o prazo de presentación da solicitude única das achegas da Política Agrícola Común deste ano, que remataba inicialmente o día 30 de abril.  

 

A dotación para esta campaña é de arredor de 210 millóns de euros, dos cales 170 millóns correspóndense cos pagamentos directos e os restantes 40 millóns coas medidas de desenvolvemento rural, cun aumento de cinco millóns de euros nestas últimas con respecto á anterior convocatoria.

Data de actualización: 06/05/2022