O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación en funcións, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro co alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada

Conde destaca que a fábrica de fibras téxtiles de Altri vai ser un polo dinamizador da economía local de Palas de Rei e de toda a provincia de Lugo

Avanza que a Xunta xa solicitou formalmente por carta unha reunión coa vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos, Nadia Calviño, para identificar os instrumentos de apoio e financiamento no marco dos fondos europeos

Afirma que Altri elixiu Galicia polo seu marco administrativo favorable e garantista que asegura o cumprimento dos prazos

Palas de Rei (Lugo), 6 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación en funcións, Francisco Conde, salientou hoxe que a fábrica de fibras téxtiles que Altri prevé implantar en Palas de Rei (Lugo) vai ser un polo dinamizador da economía local e de toda a provincia luguesa.

 

Conde mantivo hoxe unha xuntanza co alcalde deste municipio lugués, Pablo Taboada, para avaliar as repercusións deste proxecto “de espírito e alcance europeo desde a comarca da Ulloa”. Segundo dixo, o impacto será moi positivo, en primeiro lugar, polo emprego directo e inducido que vai xerar. Tamén porque vai incrementar a demanda non só de materia prima, senón de toda unha industria loxística complementaria. E, en terceiro lugar, porque a implantación desta factoría conduce tamén ao establecemento de novas empresas de produtos e servizos.

 

O vicepresidente económico en funcións, avanzou que a Xunta xa solicitou formalmente por carta unha reunión coa vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos, Nadia Calviño, para identificar os instrumentos de apoio e financiamento que, dentro dos fondos europeos, poden contribuír ao desenvolvemento deste proxecto. Do mesmo xeito, a Administración autonómica tamén se puxo en contacto coa vicepresidenta cuarta e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, e coa ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto.

 

Ao respecto, manifestou o seu desexo de que o Goberno teña a mesma confianza nesta iniciativa que a que a Xunta e a Sociedade Impulsa lle trasladaron a Altri para que apostase por implantarse en Galicia. Segundo dixo, Altri elixiu Galicia polo seu marco administrativo favorable e garantista que asegura o cumprimento dos prazos, posto que ao ser considerado como proxecto industrial estratéxico ten garantida a axilidade na tramitación.

 

Neste sentido, avogou polo traballo conxunto de todas as administracións; de feito, lembrou que Palas de Rei é Concello Emprendedor. E, neste contexto, expresou a importancia de ir da man do sector para defender este proxecto de interese común.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/05/2022