A Xunta achega a Ourense as liñas de apoio habilitadas para reforzar a competitividade de pemes e autónomos no actual contexto

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou nunha xornada organizada pola Confederación de Empresarios de Ourense na que puxo en valor os programas de apoio do instituto para este ano, centrados na innovación, no emprendemento, no financiamento e na internacionalización

Destaca que Galicia Exporta Dixital, que vén de pechar o prazo de presentación de solicitudes, permitiu ata o de agora impulsar 24 plans empresariais de internacionalización dixital na provincia de Ourense por valor de máis de 900.000 euros

No tocante ao financiamento, pon en valor a recente posta en marcha da liña de préstamos avalados para financiar a operativa das pemes afectadas polos incrementos dos prezos de materias primas e subministracións como consecuencia da invasión de Ucraína

Ourense, 6 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe nunha xornada organizada xunto á Confederación de Empresarios de Ourense para ofrecer ao tecido empresarial da provincia a súa colaboración a través dun conxunto de programas e liñas que, como salientou, buscan reforzar a competitividade de pemes e autónomos, máis se cabe no momento económico actual marcado pola invasión rusa de Ucraína e a saída da pandemia.

 

“A mellora competitiva do tecido produtivo galego é unha prioridade, máis, se cabe, na situación económica actual, que está dificultando a actividade da práctica totalidade da industria”, salientou Guldrís, quen avogou pola transformación dixital, a investigación, a innovación e a procura de novos mercados como factores fundamentais na mellora competitiva das empresas.

 

Neste marco, Guldrís, que vén de manter encontros similares organizados coas confederacións empresariais das restantes provincias, expuxo que a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación ten en marcha distintas liñas de actuación, entre as que destacou algunhas das que está a promover o Igape como as axudas á dixitalización, os obradoiros deste mesmo ámbito ou o cheque dixital, que teñen permitido, ata o de agora, impulsar proxectos na provincia por un importe superior aos 3,2 millóns de euros.

 

Así mesmo, continuou o director, o Galicia Exporta Dixital acaba de pechar o prazo de presentación de solicitudes, e permite apoiar a pequenas e medianas empresas no desenvolvemento de plans empresariais de internacionalización dixital. Un programa que, desde a súa posta en marcha, impulsou xa 24 plans empresariais de internacionalización dixital na provincia de Ourense por valor de preto de 900.000 euros.

 

Este programa, explicou Guldrís, ao igual que o resto de accións comprendidas na Estratexia de Internacionalización, contribuíron ao récord acadado polas vendas ao exterior da Comunidade, que  superaron os 25.000 millóns de euros o pasado exercicio, marcando un novo teito histórico cun incremento do 21,1% con respecto ao 2020.

 

O director do Igape afondou tamén nalgunhas das iniciativas emprendedoras que se están a poñer en marcha, entre as que citou a activación dunha nova edición da rede de espazos de coworking, que contribuíron xa á creación de 400 novas empresas en contornas rurais e suman desta volta tres espazos na provincia de Ourense -A Rúa, O Irixo e San Cibrao das Viñas-; ou as liñas Galicia Emprende e Galicia Emprende Rural, que suman máis de 78 proxectos impulsados na provincia de Ourense.

 

E no tocante ao financiamento, destacou a recente posta en marcha dunha nova liña de préstamos avalados que ten como obxectivo facilitar liquidez a todas as empresas galegas —entre elas, as estacións de servizo— para afrontar os incrementos dos prezos de materias primas e subministracións como consecuencia da invasión de Ucraína por Rusia.

 

Neste escenario, no encontro tamén se puxo en valor a importancia dos fondos europeos Next Generation, que supoñen unha oportunidade para facilitar a transformación económica e social do tecido produtivo galego. A Xunta leva tempo traballando en distintas propostas que considera que deben ser impulsadas mediante estes fondos, que se canalizan en gran parte a través dos Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica (Perte).

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/05/2022