Xa están no mercado os primeiros produtos madeireiros acollidos á plataforma Fortra impulsada pola Xunta para garantir a súa orixe, trazabilidade e pegada de carbono

A compostelá Finsa vén de comezar a distribuír a través de Leroy Merlin as primeiras tapas de madeira provistas dun código QR xerado por este sistema do Goberno galego, para que os consumidores poidan consultar toda a súa información

O obxectivo é promover os produtos de proximidade e as compras responsables e respectuosas co ambiente, ao abeiro dunha nova rede pública, voluntaria e gratuíta que conectará dixitalmente toda a cadea de valor do sector da madeira de Galicia

Enmarcada no Plan Forestal 2021-2040, a plataforma FORTRA levouse a cabo ao abeiro da Estratexia de Dixitalización e Descarbonización (D&D) que desenvolve a Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
 

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta informa de que xa están no mercado os primeiros produtos madeireiros acollidos á plataforma dixital FORTRA (Trazabilidade Forestal), posta a disposición das empresas forestais de Galicia de forma gratuíta e voluntaria para que poidan informar a clientes e consumidores das características das súas producións. En concreto, a compostelá Finsa comezou a distribuír esta semana en Leroy Merlin as primeiras tapas de madeira provistas dun código QR xerado por este sistema do Goberno galego, para dar conta da súa pegada de carbono, da súa calidade de orixe (“Piñeiro de Galicia”) ou das operacións de transformación que foron necesarias para a súa elaboración.

 

Estas primeiras producións á venda comezan, polo tanto, a integrar a nova rede que permitirá conectar dixitalmente toda a cadea de valor do sector da madeira de Galicia, co obxectivo de dar trazabilidade aos produtos baseados en madeira, rexistrando as operacións realizadas por todas as empresas que forman parte do proceso de transformación, dende o bosque ata o consumidor final. O obxectivo é promover o uso de produtos de proximidade (producidos e transformados en Galicia), así como as compras responsables (produtos de baixa ou nula pegada de carbono) e respectuosas co medio ambiente (certificado legal, obriga de repoboación tras corta ou certificación forestal).

 

FORTRA enmárcase no obxectivo do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica” de conseguir un monte dixitalizado e tecnificado, así como no de crear unha xestión forestal activa para o incremento da capacidade de fixación de carbono e a resiliencia das masas forestais ao cambio climático. Levouse a cabo ao abeiro da Estratexia de Dixitalización e Descarbonización (D&D) que tanto a Consellería do Medio Rural como a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia veñen desenvolvendo nos últimos anos, concretamente dentro do programa Primare de impulso da dixitalización no sector primario que dita Axencia vén levando a cabo en materia de prevención e apoio na extinción de incendios, instrumentos de mobilización de terras, entre outros.  

 

Como funciona a aplicación

Como resultado do rexistro de datos ao longo da cadea de subministración e elaboración/procesado, grazas a esta ferramenta dixital obtense unha dirección URL do produto que se pode inserir en forma de código QR na súa etiqueta. Así, calquera cliente ou consumidor poderá consultar a súa información a través dun dispositivo móbil, en galego, castelán ou inglés. Por exemplo, antes de comprar as referidas tapas de madeira, podería escanearse ese código, que nos informará sobre a pegada de carbono do produto (neste caso negativa, porque absorbe CO2 ao proceder de madeira), sobre os certificados de sustentabilidade (PEFC/FSC) ou sobre se dispón dunha marca de calidade de orixe (“Piñeiro de Galicia”).

 

A maiores, a ferramenta FORTRA, se así se desexa, pode informar da provincia, concello ou lugar de Galicia do que provén a madeira (incluso a nivel de referencia catastral podendo ver o monte mediante un visor cartográfico), tamén sobre as especies forestais empregadas ou sobre os permisos de corta, asegurando deste xeito a súa legalidade.

 

Asemade, a ferramenta inclúe un sistema de trazabilidade público, transparente e confiable mediante o uso da tecnoloxía blockchain que vai trazando todos os pasos de transformación do produto dende a orixe (monte) ata o produto final obxecto de venda. Desta forma, confíreselles aos produtos transparencia e credibilidade, presentándose aos clientes como de proximidade (a ferramenta informa da localización xeográfica da orixe da madeira e dos diferentes centros de transformación), cunha pegada de carbono baixa ou mesmo negativa, libres de deforestación, baixo parámetros de xestión forestal sustentable, e certificado (PEFC/FSC) ou cunha marca de calidade, de ser o caso.

 

Nesa liña, esta aplicación aporta valor engadido ao produto, aumentando a competitividade da empresa en cuestión no mercado, ao mellorar a integridade da cadea de valor e o sistema de dilixencia debida. Cabe apuntar que a tecnoloxía blockchain asegura que os datos non poden ser manipulados ou eliminados unha vez son introducidos e asinados en cada elo da cadea por cada empresa que participa na transformación do produto, xa que a rede é pública, externa ao sistema FORTRA e descentralizada (Alastria), o que ofrece unha garantía de veracidade e transparencia.

 

Cabe apuntar que, a maiores das empresas forestais, poden beneficiarse desta ferramenta dixital arquitectos prescritores, administracións públicas ou empresas maioristas. Así, poderán posicionar un determinado produto nunha situación vantaxosa e competitiva dentro dun mercado nacional ou internacional, proporcionando -ao tempo- información relevante ao consumidor final para que poida, neste caso, tomar unha decisión consciente escollendo produtos de proximidade de baixo impacto ao medio.

 

Cómpre engadir que esta ferramenta está a ser ampliada a todo o ciclo de vida dun produto (utilización, reutilización, reciclaxe e -finalmente- á súa valorización enerxética), fomentando así o “uso en cadoiro” da madeira. Así, a plataforma está a preparar todos os indicativos que os produtores poden empregar nos seus ecoetiquetados, nomeadamente, entre outros: "biobaseado", "renovable", "reutilizable", "reciclable", "circular", "biodegradable", "compostable", “con baixa / XY pegada de carbono" (FORTRA xa calcula a pegada de carbono do produto), "libre de plástico", "madeira proveniente de compras rexionais (a aplicación poderá calcular o radio de quilómetros porque están xeorreferenciados tanto a parcela de corta como os centros de transformación), "cadea de subministración de deforestación 0", madeira con selo de garantía (marca “Piñeiro de Galicia”) ou sistemas de certificación forestal (PEFC/FSC). En calquera caso a información a presentar ao consumidor pode ser personalizada pola empresa.

 

Recoñecemento europeo

Esta iniciativa vén avalada por ser unha das ´boas prácticas’ seleccionadas polo proxecto europeo Wood Circus, liderado por un consorcio de 17 socios pertencentes a sete países europeos, onde están incluídos institutos de investigación e tecnoloxía, empresas do sector privado, asociacións industriais e grupos de interese.

 

Wood Circus forma parte do programa Horizonte 2020 da Unión Europea e o obxectivo principal do proxecto é promover as cadeas de valor baseadas na madeira como parte clave dunha bioeconomía circular en Europa.

 
 
 
 

Outros exemplos FORTRA trazados como proxectos piloto:

 

CLT (chamado a substituír ao formigón): https://fortra.xunta.gal/fortra/traza/XILONOR-2003681995-1-1

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 08/05/2022