A Xunta avanza na Axenda Galega de Capacidades coa xuntanza das 9 mesas de traballo nas que sectores estratéxicos definirán as súas necesidades formativas

As reunións estanse a celebrar ata o 12 de maio, coa previsión de que as súas conclusións se incorporen á Axenda, co propósito de poder completala antes do verán

Sectores estratéxicos como o naval, as enerxías renovables ou o metal están representados nesas mesas de traballo, integradas por asociacións, clústeres, sindicatos, centros de coñecemento ou autónomos

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2022.-
Compartir
  • whatsapp

A Xunta está a avanzar na configuración da Axenda Galega de Capacidades, que situará a Galicia na vangarda europea da formación para o emprego, coa programación este mes de xuntanzas presenciais das mesas de traballo nas que axentes sociais e representantes das diferentes sectores perfilarán as necesidades formativas para cada un deles.  

Os encontros, que se están a celebrar desde o pasado 2 de maio e ata o día 12 deste mes, permitirán dar un paso máis no deseño da Axenda. Trátase de dinámicas presenciais de análise, ao amparo da iniciativa, na que se armaron nove mesas de traballo por sectores estratéxicos e con grandes potencialidades de desenvolvemento, nas que están representados, entre outros: a pesca o naval, as enerxías renovables mariñas e do metal.

Participan nestas mesas, asociacións sectoriais e clústeres, sindicatos, asociacións de empresarios, autónomos e empresas de economía social, centros de coñecemento, e a Confederación Española de Empresas de Formación.

Tras estas dinámicas, a Xunta obterá unha primeira visión da Axenda que permitirá deseñar os contidos e módulos formativos que mellor se axusten ás necesidades do mercado laboral galego.

Nos encontros técnicos, os membros das mesas exploran o Catálogo de Especialidades Formativas do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), coa finalidade de avaliar os contidos que se poidan adaptar as súas necesidades específicas e carencias formativas que teñan identificado. Este traballo constitúe un paso previo para que cada sector comece a elaborar as súas conclusións e, posteriormente, deseñar a Axenda, coa previsión de que estea completada antes do verán.

A Axenda Galega de Capacidades para o Emprego constitúe un gran pacto social que permitirá adaptar a capacitación profesional da forza laboral galega aos retos do mercado de traballo do futuro. Un instrumento que, da man do Estudo de Tecnoloxías Emerxentes que vén de rematar a Consellería de Emprego e Igualdade, está a permitir detectar as carencias formativas actuais dos traballadores e traballadoras galegos e avanzar nas accións encamiñadas á súa recualificación.

O obxectivo deste instrumento, e do Goberno galego, non é outro que o de cimentar un mercado laboral forte e competitivo, no que todas as galegas e os galegos teñan cabida e as empresas gocen dun futuro prometedor.

Para iso é preciso que Administración, tecido empresarial e asociativo e o ámbito formativo traballen xuntos en iniciativas como a Axenda Galega de Capacidades; unha medida pioneira que situará a Galicia á vangarda de España á hora de adaptar as directrices europeas de capacitación á nosa realidade económica e social da comunidade.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/05/2022