Unha quincena de voluntarios realizan tarefas de limpeza e coidado na Reserva da Biosfera mariñas coruñesas e Terras do Mandeo

Cristina Pichel explicou que esta actividade se pon en marcha ao abeiro do Programa de voluntariado ambiental interxeracional, que ofrece un completo programa de actividades que impulsan valores medioambientais

Belén do Campo subliñou que un dos obxectivos desta iniciativa é fomentar o respecto polo patrimonio natural que atesoura Galicia a través de accións de retirada de especies exóticas invasoras, limpeza ou catalogación, entre outras
 

Compartir
  • whatsapp

Betanzos (A Coruña), 7 de maio de 2022 A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, visitaron hoxe á quincena de voluntarios que están a realizar tarefas de limpeza e coidado das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, ao abeiro do Programa de voluntariado ambiental interxeracional da Xunta de Galicia.

 

Esta é a segunda cita enmarcada nesta iniciativa autonómica despois de que a fin de semana pasado se celebrasen as primeiras actividades na Reserva de Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel e no Xeoparque Montañas do Courel.

 

Cristina Pichel explicou que esta iniciativa, que acada a súa segunda edición, ofrece un completo programa de actividades gratuítas que impulsan o coidado por un dos grandes tesouros de Galicia, o seu patrimonio natural. Así, esta fin de semana as mozas e mozos participantes eliminarán especies alóctonas e exóticas invasoras na contorna de Ponte do Porco e realizarán tarefas de limpeza e observación de aves e cetáceos na ruta Monumento Natural Costa de Dexo, entre outras actividades.

 

Pola súa parte, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, incidiu en que a finalidade deste programa é potenciar e fomentar o respecto polo patrimonio natural de Galicia a través do impulso de accións de voluntariado nalgunha das súas “xoias medioambientais”. Neste sentido, subliñou a importancia que teñen este tipo de intervencións, que inclúen tarefas de eliminación de especies exóticas invasoras, limpeza ou catalogación de fauna e flora sobre o terreo, entre outras, para unha Comunidade onde, lembrou, o 42% do territorio está amparado baixo algunha figura de protección.

 

Nesta segunda edición da iniciativa, posta en marcha polas Consellerías de Política Social e de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, incrementáronse as prazas nun 18% ata acadar as 270 logo do éxito acadado por esta proposta na súa primeira edición. As actuacións levaranse a cabo todas as fins de semana ata o 11 de setembro.

 
Espazos naturais

Nos vindeiros meses están programadas unha vintena de accións nos seis parques naturais galegos —Baixa Limia-Serra do Xurés; Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán; Monte Aloia; Serra da Enciña da Lastra; O Invernadeiro; e Fragas do Eume—; no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas; en seis das sete reservas de biosfera que hai na Comunidade—Terras do Miño; Eo, Oscos e Terras do Burón; Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo; Xurés-Gêres; e Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel—, así como noutros espazos protexidos relevantes como o Xeoparque Montañas do Courel.

En cada un deles o traballo dos participantes centrarase na realización de tarefas de limpeza, sinalización, eliminación de especies exóticas invasoras ou catalogación de fauna e flora. Ademais, o programa procura fomentar a cooperación e o traballo desinteresado desde unha perspectiva interxeracional.

 

 

Data de actualización: 07/05/2022