A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, interveu esta mañá na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia

A Xunta reduce o caudal da concesión de Ence sobre o río Lérez nun 60%

Teresa Gutiérrez informa da emisión desta nova resolución, deixando o caudal da captación en 0,6m3/segundo, fronte aos 1,5 m3/segundo anterior


 Fai fincapé nas medidas que establece a Lei de garantía de abastecemento sobre as empresas e administracións para o control da auga que se capta e se subministra, así como nas medidas para a redución das perdas de auga

Compartir
  • whatsapp

 Santiago de Compostela, 6 de maio de 2022.- A Xunta vén de actualizar o caudal da concesión da biofábrica de Ence, en Pontevedra, reducíndoo nun 60%. Así o trasladou esta mañá a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia, onde avanzou que as condicións fixadas para esta concesión, complementaranse con outras novas establecidas na recente modificación concesional.
 

Apuntou que os datos recompilados de consumos reais de auga da planta, froito da auditoría requirida a Ence desde Augas de Galicia, conclúen un consumo máximo das instalacións do 0,55 m3/segundo. Isto, indicou, deu lugar á tramitación desta nova modificación das características desta concesión, co fin de axustar o caudal ás necesidades reais de consumo de auga de Ence.

 

A directora de Augas de Galicia informou de que a tramitación rematou cunha nova resolución de modificación concesional, que establece unha redución do caudal para a concesión de 0,6 m3/segundo, fronte aos 1,5 m3/segundo que tiña previamente outorgados.

 

Subliñou que esta modificación é unha das actuacións adoptadas e promovidas nos últimos anos desde Augas de Galicia, motivada pola preocupación constante por garantir a subministración da auga e por facer un uso responsable da mesma, ante as evidencias do cambio climático. Nesta liña de traballo, lembrou, a Xunta tamén impulsou a Lei de garantía de abastecemento nos episodios de seca e  en situación de risco sanitario.

 

Na súa intervención fixo tamén fincapé nas medidas que establece esta Lei para controlar a auga que se capta e que se subministra, así como para a redución dos volumes das perdas. Apelou á necesidade de que as empresas e os concellos adopten medidas de control para a redución do consumo innecesario e para a eficiencia na xestión.

 

Teresa Gutiérrez referiuse a falta de resposta por parte de moitos concellos aos requirimentos feitos por Augas de Galicia para que realicen auditorías e plans de actuación sobre as perdas das redes de abastecemento.

 

Concretou que a día de hoxe, das 45 administracións que responderon a Augas de Galicia, unicamente 22 contaban con información sobre perdas. O volume medio das fugas sitúase no 39,75%.

 

Tamén se referiu á situación do Concello de Pontevedra na captación do embalse de Pontillón de Castro, que carece de concesión, o que representa unha irregularidade desde o punto de vista da Lei de Augas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/05/2022