O titular do Goberno galego en funcións participou no acto de entrega dos Premios da Cultura Galega 2021

Feijóo celebra a reactivación da cultura de Galicia tras a pandemia e apela a consolidala neste 2022 co impulso do Xacobeo e os fondos europeos

Agradece ao conxunto de creadores todo o que fan por Galicia: “espallades o noso nome e enriquecedes a nosa pegada colectiva”

Afirma que Galicia practica unha cultura extravertida que está en permanente diálogo coas culturas española, europea e americana aberta a todas as influencias e sen temor a quedar diluída

Recorda as axudas activadas para darlle ao sector o pulo que precisaba en 2021 como o Bono Cultura ou a inxección de 23 M€ en materia cultural ao abeiro do Plan de reactivación

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, celebrou hoxe a reactivación cultural de Galicia tras a pandemia e apelou a consolidala neste 2022 co impulso do Xacobeo e os fondos europeos. Fíxoo durante o acto de entrega dos Premios da Cultura Galega 2021 aos que cualificou como un agradecemento sincero a un sector que deu o mellor de si nos momentos máis complexos.

Ao longo da súa intervención, Feijóo aproveitou para agradecer ao conxunto de creadores todo o que fan por Galicia. “Espallades o noso nome e enriquecedes a nosa pegada colectiva”, dixo, ao tempo que enxalzou a falta de divisións temporais na cultura “adoita presentarse como unha continuidade histórica que nos permite adaptar en cada momento o mellor da nosa tradición sen menoscabar a súa esencia, garantindo a súa supervivencia no futuro”.

No tocante aos galardoados, o presidente do Executivo autonómico en funcións destacou o compromiso co idioma de Bernardino Graña e Esther Estévez, a promoción, difusión e proxección internacional da cultura da Federación de Asociaciones Gallegas de la República Argentina, de Antón Pulido, de Natalia Lamas e da Nova Galega de Danza, o compromiso coa igualdade de Zaza Ceballos ou o labor na conservación do patrimonio do Mosteiro de San Pedro de Rocas.

Ao fío disto, asegurou que Galicia practica unha cultura “extravertida” que está en permanente diálogo coas culturas española, europea e americana, aberta a todas as influencias e sen temor a quedar diluída. “É o vehículo polo que Galicia ten unha presenza notable no mundo global”, afirmou.

Nesa mesma liña tamén incidiu en que a cultura proxecta a nosa singularidade e o noso particular xeito de estar e parecer e destacou o seu carácter cohesionador .“Se hai unha cultura nosa é porque, en lugar das barreiras do individualismo extremo, sentímonos recoñecidos nunha serie de códigos que fan que nos unamos aínda máis”, salientou.

Finalmente, Feijóo fixo balance dalgunhas das axudas activadas para darlle ao sector o pulo que precisaba en 2021 como o Bono Cultura, do que se beneficiaron máis de 30.000 consumidores ou a inxección de 23 M€ en materia cultural ao abeiro do Plan de reactivación. Ademais, recordou fitos como o récord de visitantes na Cidade da Cultura, con 230.000 persoas e 380 eventos, o Hub audiovisual, o proxecto Nós ou o Plan de catedrais 2021-2027. Por último, enumerou os retos e oportunidades que se presentan este ano como o Xacobeo 2022, que contará cunha intensa programación cultural; os fondos europeos, que actuarán como panca de recuperación ou a presentación do anteproxecto de Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/05/2022