O conselleiro do Medio Rural en funcións asistiu ao acto de celebración do 25º aniversario da Mancomunidade de Montes de Vigo

A Xunta tende a man ao Concello de Vigo para deseñar un anel verde que poña en valor os montes da contorna da cidade e protexa persoas e bens fronte aos lumes forestais

José González apelou ao consistorio vigués á colaboración institucional e insistiu no chamamento para que se incorpore ao convenio de protección das aldeas, ao que xa están adheridos 273 municipios xunto co Goberno galego, a Fegamp e Seaga

Aproveitou para destacar que a Xunta vén de finalizar as obras do seu Plan de acción do monte periurbano de Vigo, programado tras os incendios de 2017 por un importe de preto de 1,4 millóns de euros, de xeito pioneiro no marco das cidades galegas

Vigo (Pontevedra), 7 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, tendeu hoxe a man ao Concello de Vigo de cara a deseñar conxuntamente un anel verde que sirva para poñer en valor os montes da contorna da cidade e para avanzar na anticipacións aos incendios forestais. Así o dixo no acto de celebración do 25º aniversario da Mancomunidade de Montes de Vigo, ao que asistiu acompañado polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e no que aproveitou para poñer en valor os preto de 1,4 millóns de euros investidos pola Xunta no seu Plan de acción do monte periurbano de Vigo, programado tras os lumes forestais de outubro de 2017 e que vén de concluír o pasado mes de febreiro os traballos previstos.

No acto, José González quixo instar ao Concello de Vigo a que se sume ao traballo conxunto e á colaboración institucional -apuntou- incorporándose ao convenio de protección das aldeas ao que xa están adheridos un total de 273 consistorios galegos, xunto coa Xunta, a Federación galega de municipios e provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga. Nesa liña, insistindo na forza a través da unión, aseverou que o Goberno galego, a Mancomunidade e o propio Concello deben ser capaces de formar ese tándem que permita implantar un monte periurbano que sirva de modelo para toda Galicia.

Tal e como sinalou o conselleiro en funcións, o anel verde encaixa perfectamente coa planificación recollida na 1ª revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, nunha sociedade europea que se atopa en vías de descarbonización, coa vista posta nos retos e oportunidades que están a demandar o Pacto Verde Europeo e a transición á bioeconomía. Todo encamiñado -segundo dixo- á recuperación e á potenciación da resiliencia dos montes vigueses, avanzando na prevención nunha área de interface urbano-forestal, coa conseguinte repercusión positiva na protección das persoas e dos bens ante eventuais lumes.

Plan da Xunta para o monte periurbano

O conselleiro do Medio Rural en funcións aproveitou a ocasión para destacar que o Plan promovido polo Goberno galego para o monte periurbano de Vigo supuxo actuar nun total de 270 hectáreas de superficie e en 25 quilómetros de pistas forestais, sendo a primeira vez que se levan a cabo actuacións deste tipo no marco das cidades galegas.

En concreto, as accións consistiron na plantación de frondosas caducifolias e coníferas, en rareos sobre rexenerados de coníferas, na realización de peches para a protección do rexenerado, na selección de abrochos de eucalipto e na eliminación de pés do xénero Acacia e Eucalyptus.

Cabe lembrar que este Plan de acción se desenvolveu mediante un acordo asinado en 2019 pola Xunta, a través da Consellería do Medio Rural, e pola Mancomunidade de Montes de Vigo homenaxeada hoxe, así como polas comunidades beneficiadas -de Coruxo, Valadares, San Andrés de Comesaña e Zamáns-.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 07/05/2022