Conde asegura que os fondos europeos son unha oportunidade para acertar como país e afrontar a recuperación e consolidación económica

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación en funcións, Francisco Conde, participou hoxe na Coruña no Foro Económico Español
A Galicia que vén, organizado por El Español

Considera que o Goberno central debe rectificar na xestión dos fondos europeos Next Generation e avanzar cara a súa cogobernanza

A Coruña, 9 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación en funcións, Francisco Conde, participou esta mañá na Coruña no Foro Económico Español A Galicia que vén, organizado por El Español, onde se analizaron as oportunidades que supoñen os fondos europeos Next Generation.

Na súa intervención, Conde asegurou que é clave que acertemos como país e que, a través destes fondos, poidamos dar solucións aos retos actuais e, especialmente, ás pequenas e medianas empresas. Así, defendeu que son unha oportunidade para afrontar a recuperación e consolidación económica tras o impacto da pandemia e da guerra en Ucraína, nun contexto marcado tamén pola inflación e polos elevados prezos enerxéticos.

Neste sentido, referiuse á importancia de que administracións e sector privado traballen conxuntamente para impulsar unha verdadeira transformación do tecido produtivo a través da innovación, a sustentabilidade e a dixitalización.

Conde expuxo o labor realizado por Galicia que, desde o primeiro momento traballou da man do tecido empresarial para elaborar unha estratexia e poder identificar proxectos; impulsou unha sociedade público-privada para acompañar os proxectos e a súa tramitación -a primeira iniciativa é a fábrica de fibras téxtiles de Altri en Palas de Rei, pero traballa tamén un proxecto de economía circular-; así como adaptar o marco normativo para favorecer a axilización da tramitación dos proxectos.

O vicepresidente económico en funcións lamentou a falta de cogobernanza na xestión dos fondos europeos por parte do Goberno central e pediulle unha reflexión neste sentido, xa que dos 9 Pertes aprobados, por máis de 33.000 millóns de euros menos do 14% se traduciron en convocatorias. Puxo como exemplo o caso de Stellantis que xa trasladou que os requisitos establecidos no Perte non lle permitirán acollerse a estas axudas polo que demandou igualdade de condicións.

Rematou destacando que é importante centrarse en como os fondos poden chegar ao tecido produtivo, xa que este debe ser o obxectivo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/05/2022