A Xunta destaca a oportunidade que supoñen os fondos europeos Next Generation para os centros de coñecemento galegos

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, anima ao persoal investigador a colaborar co tecido produtivo para captar fondos, co obxectivo de avanzar cara a unha Galicia máis ecolóxica e dixital

Destaca a participación de Galicia nos Plans Complementarios, programas conxuntos de I+D que permiten aliñar os esforzos do Estado e das comunidades autónomas en áreas de interese común

A Administración galega informou tamén dos Pertes aos que poderán optar os organismos de investigación
 

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta tarde na xornada As oportunidades para a investigación nos programas Europe Next Generation, organizada pola Real Academia Galega de Ciencias en Santiago de Compostela. Durante a súa intervención destacou a oportunidade que supoñen estes fondos europeos para contribuír á transformación económica e social de Galicia cara a unha rexión máis ecolóxica, dixital e resiliente, así como cara a unha economía baseada no coñecemento e na I+D+i.

 

Para iso, a directora de Gain subliñou o importante papel que xogan os centros de coñecemento, por un lado, pola súa capacidade para impulsar proxectos e captar fondos destas convocatorias e, por outro, colaborando co tecido produtivo para valorizar os resultados da investigación. 

 

Un dos mecanismos a través dos que se está a artellar a distribución destes fondos no conxunto do Estado son os Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e a Transformación da Economía (Perte), proxectos con grande capacidade de arrastre e cun alto compoñente de colaboración público-privada.

 

No encontro, o Igape informou sobre os Pertes aos que poderán optar os organismos de investigación. Así mesmo, déronse a coñecer distintos instrumentos postos en marcha pola Xunta de Galicia para dinamizar a participación das entidades galegas nestes proxectos, como canles informativas e a creación de oficinas técnicas en colaboración con diferentes clústeres.

 

Ademais, a directora da Axencia apuntou o importante papel que desempeñan as entidades galegas nos Plans Complementarios de I+D+i convocados polo Ministerio de Ciencia e Innovación tamén con fondos deste Mecanismo de Recuperación e Resiliencia e nos que Galicia está presente en catro das oito áreas estratéxicas (biotecnoloxía aplicada á saúde, ciencias mariñas, comunicación cuántica e biodiversidade). Trátase de programas conxuntos de investigación que permiten aliñar os esforzos da Administración central, das comunidades autónomas en áreas de interese común, aproveitando capacidades científicas e infraestruturas singulares. Galicia é unha das comunidades autónomas con maior participación, cunha asignación de 25,4 millóns de euros, o que representa o 8,2% do total dos plans complementarios.

 

Pola súa parte, o Igape presentou os diferentes instrumentos e convocatorias que inclúe o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, elemento central de Next Generation EU, dirixidos a persoal investigador, e que supoñen unha oportunidade para impulsar proxectos que aceleren a transición verde e dixital e que exerzan, ao mesmo tempo, un efecto tractor sobre o tecido industrial galego.

 

Neste contexto, a Xunta vén traballando na creación de contornas colaborativas que incentiven a participación de entidades galegas a través de varias iniciativas. Entre elas, destaca a creación de oficinas técnicas en colaboración con diferentes clústeres. Estas oficinas responde ao obxectivo de informar e asesorar ás entidades galegas na preparación e presentación candidaturas aos Pertes, nos que os centros de coñecemento xogan un papel fundamental, e outras convocatorias relevantes: Oficina de proxectos da Fundación agrupación industrial de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga), orientada ao Perte do vehículo eléctrico e conectado; Oficina Técnica de Apoio ao Programa Next Generation Galicia Food, en colaboración coa Agrupación industrial alimentaria de Galicia (Clusaga) para o impulso de proxectos relativos ao Perte agroalimentario; e Oficina técnica NextGenhealth, consituida en colaboración co Clúster Saúde de Galicia e orientada ao Perte para a saúde de vangarda.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/05/2022