A Xunta recibe 11 ofertas para executar as obras da estación de autobuses da intermodal da Coruña, que suporán un investimento de preto de 40M€

As actuacións, que comezarán en outubro, suporán 700 empregos para transformar a cidade, ao integrar nun único espazo moderno e accesible o autobús e o ferrocarril

Trátase da execución da nova terminal de autobuses e o aparcadoiro subterráneo, cun investimento de 29,7 M€; e o proxecto de elementos comúns elaborado por ADIF, cun orzamento de 10 M€, que materializará a Xunta

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2022.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu 11 ofertas de empresas para executar as obras da estación de autobuses da intermodal da Coruña, que suporán un investimento de 40 millóns de euros.

Estas actuacións, que comezarán no vindeiro mes de outubro, levarán aparellados 700 empregos para transformar a cidade, ao integrar nun único espazo, cunhas instalacións renovadas, modernas e accesibles, o autobús e o ferrocarril.

A intervención, cun prazo de 29 meses, inclúe a execución do proxecto da nova terminal de autobuses integrada na estación de ferrocarril e un aparcadoiro deseñado pola Xunta e que suporá un investimento de 29,7 M€. O proxecto supón, ademais, a execución do proxecto de elementos comúns da intermodalidade elaborado por ADIF, pero que asume agora a Xunta para a súa materialización, cun investimento de 10 M€.

Do investimento global de 39,8 M€, a Administración autonómica achegará 19,6 M€, é dicir, practicamente a metade, aproveitando a oportunidade extraordinaria que representan os fondos Next Generation.

O Concello achegará preto de 12 M€, investimento que verá en parte recuperado a través da explotación comercial do aparcadoiro; e ADIF asumirá o peso maioritario do financiamento dos espazos comúns, con 8 M€.

Nova estación de autobuses

A estación de autobuses desenvolverase de forma paralela á avenida da Sardiñeira e ás vías do tren. Contará cun nivel superior no que se emprazarán, á mesma cota, o edificio de viaxeiros e as dársenas e no que se situará a pasarela peonil de comunicación coa avenida do ferrocarril; e un inferior, a cota variable, onde estará o aparcadoiro, a zona de comunicación peonil coa estación ferroviaria e as dársenas de regulación de autobuses.

O acceso peonil poderase realizar desde a avenida da Sardiñeira, desde a pasarela que procede da avenida do Ferrocarril ou desde a zona de conexión coa estación de ferrocarril e o aparcadoiro. En canto aos vehículos, os autobuses accederán por un ramal da glorieta que o Concello debe construír na avenida da Sardiñeira, e os turismos poderán acceder ao aparcadoiro desde esa glorieta ou ben desde a do Ferrocarril, a través do túnel que se executará baixo a estación de San Cristovo.

A terminal contará con 20 dársenas de operación e con outras 20 de regulación no aparcadoiro.

O proxecto desenvolveranse sobre unha parcela de 21.000 m² na que se construirá unha estación de 26.630 m², cun edificio de viaxeiros de 2.500 m² e un aparcadoiro de 325 prazas.

Data de actualización: 10/05/2022