A Xunta comeza os traballos de aglomerado nas obras de ampliación da capacidade da avenida da Deputación no polígono de Sabón, en Arteixo

Mantense a previsión de ter rematada no verán esta actuación integral, que supón un investimento autonómico de máis de 6,3 M€ e desdobra os carrís para gañar fluidez no tráfico

As actuacións avanzan a bo ritmo e a día de hoxe están traballando 33 operarios

Esta semana procederase ao estendido de mesturas bituminosas entre a avenida da Moda e glorieta da ITV, que se irá executando por treitos ao longo do mes de maio

Están xa rematados os traballos previos de roza e demolicións de firme, pavimentos de formigón e peches, así como retirada de bordo e tubaxes de saneamento

Nas tarefas de movemento de terras só resta finalizar a marxe esquerda da actuación desde a glorieta de Sabón ata o punto 0+700, en execución nestes momentos, estando tamén moi avanzados os traballos de drenaxe

Están executados os muros da avenida do Encoro e da avenida da Moda, e en construción un muro da avenida da Deputación, e a previsión é rematar as estruturas en 3 semanas

Santiago de Compostela, 10 de maio de 20202
Compartir
  • whatsapp

A Xunta comezou os traballos de aglomerado nas obras de ampliación da capacidade da avenida da Deputación, no polígono industrial de Sabón, no concello de Arteixo.

A Xunta segue a avanzar nesta actuación, que comezou en xaneiro do pasado ano e que se prevé rematar no verán. Esta actuación integral, que supón un investimento autonómico de máis de 6,3 millóns de euros ten por obxectivo desdobrar os carrís para gañar fluidez no tráfico.

O conxunto da intervención está a avanzar a bo ritmo, tras rematarse os traballos de retranqueo de todos os servizos urbanos que dificultaban o avance das obras en determinados treitos, e unha vez superada a folga de transporte e as dificultades da crise de materiais.

A día de hoxe hai 33 operarios traballando na obra, 16 no movemento de terras, drenaxe e servizos afectados, 15 operarios centrados nos labores de pavimentación e 2 sinalistas para as medidas de regulación do tráfico, co obxectivo de preservar a seguridade e minimizar as afeccións aos usuarios desta vía.

Os traballos

Máis en detalle, os traballos no firme e pavimentos que se iniciaron este luns, realízanse tras terse executadas as rígolas e bordos, quedando pendente a marxe esquerda desde o inicio da obra, na glorieta de Sabón, ata o punto quilométrico 0+700, marxe esquerda.

Neste momento os operarios están a acometer os traballos de estendido de mesturas bituminosas, base e intermedia, en ambas as marxes entre a avenida da Moda e glorieta da ITV. Estes labores desenvolveranse ao longo desta semana. O aglomerado irase executando por fases a medida que se vaia preparando a explanada en todos os treitos.

Tamén se está a realizar e continuarase ao longo de todo o mes de maio o formigonado de beirarrúas e aparcadoiros.

Con respecto aos avances no conxunto da intervención, neste momento da obra están xa rematados os traballos previos de roza e demolicións de firme, pavimentos de formigón e peches, así como a retirada de bordo e tubaxes de saneamento.

Nas tarefas de movemento de terras só resta finalizar a marxe esquerda da actuación desde o inicio da obra, na glorieta de Sabón, ata o punto 0+700, en execución nestes momentos.

En canto aos traballo de drenaxe, tamén está moi avanzada a instalación do colector de pluviais de ata 1000 mm na avenida da Deputación. Nas próximas datas instalaranse nos catro puntos de vertedura de pluviais un sistema de separador hidrodinámico, que trata a auga previa á súa vertedura. Xa se instalou, en ambas as marxes, un tubo dren de diámetro 160 mm para evitar que entre a humidade na subbase do firme, mellorando a súa durabilidade.

En canto ás estruturas, están xa executados os muros da avenida do Encoro e da avenida da Moda, e en execución un muro da avenida da Deputación, na marxe esquerda. A previsión inicial é que estes traballos finalicen en 3 semanas.

Actuación integral

Con esta intervención integral búscase solucionar os problemas de fluidez do tráfico que se xeran nas horas puntas nesa contorna, favorecer os movementos e facer máis cómodos e seguros os desprazamentos das persoas que cada día se achegan ao polígono.

 

O proxecto consiste no desdobramento dos carrís da avenida da Deputación, que pasará a ter 4 carrís en todo o trazado, entre a glorieta elevada de Sabón e a da avenida da Enerxía, onde se atopa a ITV.

 

No primeiro treito, entre a glorieta de Sabón e a avenida do Embalse, acometerase un carril adicional en sentido Coruña, con conexión directa ao ramal de acceso ao nivel inferior da rotonda, o que mellorará os tráficos e a fluidez dos vehículos pesados. Tamén se habilitarán beiravías, beirarrúas e unha zona con aparcadoiro en liña.

 

No segundo tramo, entre as avenidas do Embalse e da Moda, duplicaranse os carrís por cada sentido e dotarase a zona de aparcadoiro en liña e beirarrúa e beiravías. Ademais, executaranse muros de contención para salvar as afeccións coas parcelas existentes.

 

No terceiro treito, entre as avenidas da Moda e da Enerxía, duplicaranse os carrís con separación mediante mediana física, e habilitaranse en ambas marxes, beirarrúas con beiravías de 1 metro de ancho.

 

Cómpre precisar que durante a execución das obras se prima o mantemento dun carril útil para a circulación en cada sentido co fin de non afectar nunca á plataforma completa e dar unha alternativa aos tráficos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/05/2022