A Xunta licita por preto de 1,8 M€ as obras de rehabilitación do edificio da Xunta na praza de Mazarelos de Santiago de Compostela

A actuación, cun prazo de execución de 8 meses, consistirá na restauración e mellora da envolvente térmica e da distribución interior do edificio, que alberga a Oficina de Turismo da Xunta en Santiago e a Secretaría Xeral de Emigración

O obxectivo é avanzar na recuperación do patrimonio da Xunta coa intervención neste inmoble da cidade histórica

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2022.- A Xunta licitou hoxe por importe de 1,79 millóns de euros as obras para a rehabilitación do edificio da Xunta na praza de Mazarelos nº 15 de Santiago de Compostela.

 

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica a contratación destas obras, ás que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 6 de xuño.

 

A intervención, cun prazo de execución de 8 meses, consistirá na restauración e mellora da envolvente térmica e da distribución interior dos espazos deste edificio situado na cidade histórica, que alberga as dependencias da Oficina de Turismo da Xunta en Santiago e tamén da Secretaría Xeral de Emigración.

 

Esta actuación conta co cofinanciamento da Unión Europea no marco do  programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

 

O desenvolvemento da obras

O edificio da praza de Mazarelos está ocupado actualmente en parte da planta baixa pola Oficina de Turismo da Administración autonómica. O resto dese mesmo andar, así como o primeiro e o segundo, acollen as instalacións da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta.

 

Na actualidade, o edificio carece de illamento térmico e presenta deficiencias nas fachadas e nas cubertas, deterioracións provocadas polo paso do tempo, que causan filtracións e perdas de calor.

 

O obxecto do contrato licitado hoxe pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade é resolver estas deficiencias con actuacións tanto na envolvente do edificio como no seu interior.

 

Respecto á envolvente, acometeranse traballos de restauración e mellora nas cubertas inclinadas, que incluirán a colocación de illamento térmico, capa impermeabilizadora e soporte da nova tella cerámica curva, xunto coa execución de canlóns ou substitución, segundo o caso.

 

Nas fachadas, realizarase o tratamento da sillería, cornixas, relevos e hidrofugado; colocarase ademais un sistema de illamento térmico polo exterior nas zonas lisas do revestimento existentes.

 

Tamén se substituirán as carpinterías de madeira por carpinterías de madeira de castiñeiro laminado, e procederase ao illamento de planta soto, que actualmente se atopa en contacto directo co terreo.

 

Respecto aos traballos no interior, o contrato licitado inclúe a colocación dun novo ascensor eléctrico, de baixo consumo, en substitución do hidráulico, que ademais chegará a planta soto. Modificarase a distribución interior do edificio, sen afectar á estrutura vertical e horizontal do mesmo, cun cambio das tabiquerías, teitos e pavimentos.

 

Ademais, substituiranse as instalacións do edificio, sendo as máis relevantes a electricidade, a iluminación e a climatización. Disporase, así, de nova iluminación con tecnoloxía led, un sistema de climatización (calor-frío) e renovación para todo o edificio, acorde á nova distribución.

Data de actualización: 10/05/2022