A Xunta velará polo uso correcto do territorio e a protección da paisaxe do concello de Toén

En base a este convenio de colaboración, que asinou ao mesmo tempo o Concello de Valdoviño, estes municipios delegan na APLU as súas competencias en materia de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística

Xa son 93 as administracións locais galegas que están adheridas á Axencia e, concretamente, 28 na provincia de Ourense

Ángeles Vázquez destaca que o feito de asumir esta responsabilidade é unha mostra de apoio do Goberno galego ás entidades locais para salvagardar o territorio e controlar posibles infraccións
 

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia, a través da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), será a encargada de velar polo uso correcto do territorio e a protección da paisaxe no concello de Toén.

 

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, e o alcalde, Ricardo González, asinaron esta semana o convenio en virtude do cal Toén se suma á listaxe de concellos que delegan na APLU parte das súas competencias.

 

O mesmo día, o Concello de Valdoviño tamén asinou o convenio de colaboración, polo que xa son 93 as administracións locais galegas que están adheridas á Axencia e, concretamente, 28 na provincia de Ourense.

 

Tras a sinatura, Vázquez Mejuto explicou que, en virtude destes convenios, os concellos ceden as competencias municipais de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística relativas a obras que se executen sen licenza nas seguintes clases de solo: solo rústico ou non urbanizable; solo urbanizable ou apto mentres non sexa aprobado o correspondente planeamento de desenvolvemento; e núcleos rurais delimitados no PXOM. Pola súa parte, a APLU comprométese a transferir ás entidades locais adheridas un 10% do produto das multas coercitivas e das sancións que impoña.

 

Neste sentido, a conselleira felicitou ao alcalde de Toén pola decisión xa que, lembrou, a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística é un ente que está ao servizo dos concellos co único fin de velar pola legalidade urbanística e o control das posibles infraccións que se cometan neste eido no municipio.

 

O obxectivo da Xunta é seguir incorporando máis concellos, ao tempo que se incrementa a colaboración cos que xa están adheridos, porque os resultados, como salientou Ángeles Vázquez, amosan que a actuación conxunta é sinónimo de éxito.

 

A modo de exemplo, cómpre lembrar que ano tras ano a práctica totalidade das demolicións efectuadas son subsidiarias —é dicir, realizadas polos propios particulares—, o que denota un aumento da concienciación da poboación.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/05/2022