Ethel Vázquez salienta que as obras do Centro Integral de Saúde de Lugo acadan o 70% de execución e rematarán este ano, cun investimento da Xunta de 12 M€

Un total de 50 operarios avanza a un ritmo intenso na execución deste equipamento, no que se pode visualizar xa a imaxe case final da fachada principal

A perfilaría de muros nos patios atópase executada ao 90%, pendente de instalar os vidros para iniciar os revestimentos interiores de madeira e pavimentos, e as instalacións interiores están tamén ao 90%, estando algo máis adiantada, ao 95%, a tabicaría

A envolvente térmica exterior do edificio está completada ao 80%, mentres a fachada de pedra acada un grado de execución do 60%
 

 Lugo, 11 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, salientou hoxe que as obras do Centro Integral de Saúde (CIS) de Lugo acadan o 70% da execución e se rematarán este ano, grazas a un investimento da Xunta de 12 M€.

 

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, o xerente da área sanitaria de Lugo, Ramón Ares, supervisou no barrio da Residencia o progreso nas obras do CIS de Lugo que está a executar a Xunta, e nas que xa se pode ver a configuración do edificio e visualizar case a imaxe final da súa fachada principal.

 

A conselleira sinalou que o CIS de Lugo, ao igual que o resto de obras públicas, sufriu as circunstancias sobrevidas que retrasaron uns meses os prazos previstos. Apuntou á crise de prezo dos materiais e dos subministros, xunto co paro recente do transporte, como incidencias que ralentizaron a execución dos traballos.

 

Ethel Vázquez indicou que se ten avanzado moito con respecto a súa última visita ás obras, realizada o pasado mes de maio, a pesar das incidencias sinaladas. Precisou que agora mesmo están traballando en obra 50 operarios, o que permite un ritmo intenso no avance desta intervención, coa que a Xunta está a “facer cidade” e a construír sanidade pública en Lugo, remarcou.

 

Sobre as obras, a conselleira explicou que a perfilaría de muros nos patios atópase executada ao 90%, pendente de instalar os vidros para comezar cos revestimentos interiores de madeira e pavimentos. As instalacións interiores están executadas tamén ao 90%, á falta do avance nos teitos para instalar os elementos de remate; e algo máis adiantada, ao 95%, está a tabicaría.

 

A envolvente térmica exterior do edificio está completada ao 80%; mentres a fachada de pedra acada un grado de execución do 60%. Tamén están instalados os ascensores, á falta de remates e da realización de probas. Neste mes colocaranse as portas e o resto de carpintería de aluminio.

 

Tal e como subliñou Ethel Vázquez, co ritmo actual das obras neste ano estará rematado o Centro Integral de Saúde, que dotará a Lugo dun equipamento sanitario de vangarda e que será, tamén, o primeiro centro destas características que a Xunta porá en servizo en Galicia.

 

Equipamento sanitario de vangarda

Segundo destacou, o Centro Integral de Saúde constrúese rehabilitando o antigo hospital Materno Infantil, recuperando a estética orixinal do edificio do ano 1950, que ademais se executa tendo moi en conta a función para a que está deseñado, xa que será un novo equipamento sanitario de futuro ao servizo dos veciños.

 

Este edificio aglutinará un centro de saúde moderno e accesible, con acceso pola fachada principal, a nivel de planta 0; un Punto de Atención Continuada (PAC) con servizo de urxencias, con acceso independente pola fachada traseira; centro de saúde mental, que ocupará o andar   -1, tamén con acceso exclusivo pola parte traseira; e base do 061, na planta -1 na parte de atrás. 

 

No seu conxunto o novo centro de saúde disporá de 8.000 m² de superficie construída e máis de 5.500 m² de superficie útil distribuídos en 6 andares (desde a planta -1 á 4). Esta superficie permitirá albergar as 46 consultas do centro de saúde e do PAC; e as 22 consultas reservadas ao centro de saúde mental.

 

No interior do edificio, os espazos de circulación e de espera foron deseñados dando protagonismo á luz natural e ás vistas, procurando unha estética limpa e moderna. Tamén contará con patios xerados a partir do baleirado de parte do volume existente que favorecen a entrada de luz natural. Polo tanto, en palabras da conselleira, acadarase un equipamento sanitario de vangarda que ademais de funcional será tamén moderno e acolledor.

 

A actuación está financiada pola Unión Europea no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

 

A conselleira puxo en valor, tamén, os avances neses outros equipamentos que levan aparellado o proxecto de recuperación do Barrio da Residencia, impulsados desde a Xunta cun investimento global de case 34 M€ para ofrecer un gran espazo público de servizos aos veciños.

 

Ethel Vázquez referiuse así ás obras en execución, xa avanzada da Oficina de formación e emprego; tamén desenvolvéndose a Central de biomasa ou a Residencia de maiores. Traballos centrados na recuperación do Barrio da Residencia para garantir o seu uso público e dotalo dunha nova vida asociada á prestación de mellores servizos aos veciños, remarcou.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/05/2022