A Xunta recibe 17 ofertas para executar as obras de mellora do saneamento do núcleo urbano de Lalín, que que suporán un investimento de máis de 6,7 M€

Trátase de aumentar a capacidade dos colectores das marxes do río Pontiñas e de executar un tanque de retención que mellore o funcionamento do saneamento en tempo de chuvias e evitando vertidos


Das 17 ofertas presentadas a este contrato, 9 están conformadas por UTE, sumando un total de 27 empresas interesadas nestes traballos


Construiranse 4 treitos principais de colectores: dous nas marxes do río; outro que recollerá as augas residuais da zona sur cara ao tanque de tormentas; e un que trasladará as augas da rede de saneamento de Donramiro


O tanque de tormentas contará cun sistema de desodorización innovador, baleirarase por gravidade e limitará o caudal de entrada na depuradora, cuxa ampliación se desenvolverá mediante un proxecto independente


A intervención comprende accións de integración paisaxística na contorna do tanque de tormentas, coa plantación de árbores autóctonas e un parque infantil, con elementos de xogo que lembrarán o cocido, prato e emblema cultural do municipio


O obxectivo da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade é iniciar as obras no último trimestre do ano e telas rematadas a finais do 2023, ao ter un prazo de 12 meses
 

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2022.-
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, recibiu 17 ofertas para executar as obras de mellora do saneamento do núcleo urbano de Lalín, que suporán un investimento autonómico de máis de 6,7 M€.

 

Trátase de executar as obras do tanque de tormentas do río Pontiñas e dos novos colectores, actuación recollida como prioritaria no Plan director de saneamento do municipio, redactado por Augas de Galicia.

 

Das 17 ofertas presentadas a este contrato, 9 están conformadas por UTE, sumando un total de 27 empresas interesadas nestes traballos. A Xunta prevé iniciar as obras no último trimestre do ano e telas rematadas a finais do 2023, xa que teñen un prazo de 12 meses.

 

As obras a executar

O obxectivo deste contrato pasa por intervir é aumentar a capacidade dos colectores das marxes do río Pontiñas, renovando a rede de saneamento, así como executar un tanque de tormentas que permitirá reter as augas cando haxa episodios de chuvias, minimizando os vertidos de auga sen tratar ao medio.

 

Para incrementar a capacidade executaranse 4 treitos principais de colectores, con diámetros desde os 400 ata os 2.000 mm., ademais de pequenos treitos de entronque para a conexión coa actual.  Serán dous colectores nas marxes do río; un que recollerá as augas residuais da zona sur e as conducirá ao tanque de tormentas; e outro colector que recollerá as augas da rede de saneamento da parroquia de Donramiro.

 

O tanque de tormentas, cunha estrutura semisoterrada, terá unha capacidade de 5.000 m³, o que permitirá a retención das augas pluviais, evitando verter ao medio, e disporá dun alivio e dunha condución de baleirado, que funcionará por gravidade e se conectará á rede actual, conducindo o caudal ata a depuradora de Lalín.  

 

Para ese baleirado por gravidade instalarase unha válvula, en cámara semiseca, que limitará o caudal máximo de entrada na depuradora. Ademais nas obras terase en conta o caudal máximo da futura ampliación da planta de tratamento, que será obxecto dun proxecto independente para que poida xestionar os volumes de auga residual retidos con episodios de choiva.

 

As obras licitadas inclúen un sistema de desodorización innovador que evitará molestias na contorna do tanque de tormentas.

 

Ademais, destaca na intervención o proxecto de integración paisaxística incluído nesta infraestrutura hidráulica, para o que se realizará unha plantación de árbores autóctonas na contorna, que contribuirán a manter este espazo de uso e desfrute dos veciños que xa hai aquí a carón do río Pontiñas.

 

Tamén se aproveitará a superficie de formigón do tanque de tormentas para desenvolver o ‘Parque do cocido’, un espazo de ocio infantil con elementos de xogo inspirados neste emblema da vila, de acordo cunha iniciativa promovida polo Concello desde hai tempo.

 

Nesta contorna crearase unha zona de xogos con tiroliña; un túnel de rede con forma de chourizo; unha gaiola de rede tamén con forma de porco no que os nenos poderán practicar diferentes actividades no seu interior: xogos de pelota, labirinto, paredes trepadoras, redes, tobogán.

 

Finalmente, para acceder ao tanque construirase un pequeno viario de 3 m de ancho, ao que se accederá polas sendas do parque do río Pontiñas polas que agora mesmo, só circulan os vehículos de mantemento do parque e que servirán tamén para o mantemento do tanque.

 

As obras contarán co cofinanciamento da Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014/2020

Data de actualización: 11/05/2022