A Xunta concede a 16 concellos de Lugo 240.000 euros para corrixir impactos paisaxísticos en edificios e equipamentos municipais

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de resolver as solicitudes presentadas na convocatoria de 2022 por parte das entidades locais da liña de axudas destinada a instaurar o ‘fermosismo‘

No conxunto de Galicia concedéronse incentivos a 42 municipios esgotando o crédito dispoñible, 800.000 euros

Cospeito (Lugo), 11 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia concede axudas por importe global de 240.000 euros a 16 concellos da provincia de Lugo para corrixir impactos paisaxísticos nos equipamentos e edificios municipais.

 

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe xunto co alcalde de Cospeito, Armando Castosa, un lavadoiro do municipio construído en formigón no que se acometerán obras de embelecemento ao abeiro deste programa. Prevese pavimentar o perímetro con pedra, revestir o tanque de auga con morteiro e substituír a cuberta por outra con piares de pedra, estrutura de madeira e lousa, así como mellorar a explanada de acceso, cunha superficie de más de 120 metros cadrados.

 

Arias explicou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de resolver as solicitudes de 2022 das entidades locais da liña de apoios destinada a instaurar o fermosismo, para avanzar na loita contra o feísmo nos concellos de menos de 20.000 habitantes.

 

Esta orde de axudas —convocada en xaneiro por 600.000 euros e cuxo crédito se ampliou ata os 800.000 euros— recolle dúas liñas de actuación. A primeira subvenciona obras para emendar o impacto negativo que causan sobre a contorna edificacións nas que se prestan servizos municipais, e acolléronse a ela os concellos de Baralla, Cervo, O Corgo, Mondoñedo, Outeiro de Rei, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín e Trabada, que reformarán depósitos de auga, polideportivos, antigas escolas ou dotacións culturais, entre outras instalacións.

 

A segunda liña está pensada para mellorar equipamentos públicos propiedade dos concellos, con especial fincapé nos elementos etnográficos como hórreos, fontes ou lavadoiros. Na provincia apoia o citado proxecto de Cospeito e outros en Barreiros, As Nogais, Chantada, Pantón, Portomarín e Sober. Pola súa banda, Begonte obtivo achegas polos dous conceptos, xa que prevé actuar sobre a antiga escola municipal e sobre unha fonte e un lavadoiro.

 

As achegas poden acadar o 70% do custo estimado, cun máximo de 20.000 euros por cada liña, e as actuacións deben adaptarse aos criterios fixados na Guía de cor e materiais de Galicia ou aos da Guía de boas prácticas de caracterización e integración paisaxística de valados.

 

No conxunto de Galicia, a Xunta concedeu 52 axudas a 42 concellos galegos —algúns recibiron unha por cada liña—, por un importe global de 800.000 euros, esgotando o crédito consignado a esta orde de incentivos.

 

A Consellería de Medio Ambiente convocou tamén unha liña dirixida a particulares, que acadou as 2.000 solicitudes e que ten previsto resolver este mesmo mes.

 

Segunda convocatoria

O pasado ano convocáronse por primeira vez estas ordes de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos; en Lugo aprobáronse achegas para 126 obras promovidas por particulares, por unha contía total de 344.000 euros, e 12 promovidas por concellos, con apoios que sumaron 149.000 euros.

 

En vista do éxito da primeira edición, a Xunta decidiu convocar de novo este ano ambas liñas de subvención no marco da súa aposta polo fermosismo e para garantir unha integración harmónica entre as construcións urbanas, tanto públicas como privadas, e a contorna paisaxística.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/05/2022