Fernández-Tapias destaca o éxito da Primavera Xove 2022 como alternativa de ocio segura para a xuventude viguesa

A delegada territorial da Xunta en Vigo participou este mércores no encontro informativo e de networking que permitiu dar alternativas ás mozas e mozos de entre 18 e 30 anos durante os meses de abril e maio

Vigo, 10 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou este mércores no último encontro formativo e de networking que pechou a segunda edición do programa Primavera Xove posto en marcha pola Administración galega o pasado mes de abril.

“Estamos ante unha iniciativa moi importante para garantir que a mocidade manteña un lecer seguro á vez que segue gozando de foros formativos e de espazos de entretemento”, apuntou a representante autonómica durante a xornada celebrada na Praza da Estrela de Vigo.

O programa Primavera Xove 2022 celebrouse nos campus universitarios galegos e estivo dirixido á mocidade de 18 a 30 anos. Cada xornada estivo enfocada nun ámbito concreto e os relatores foron profesionais galegos de relevancia en cada un dos eidos.

Concretamente, ofertáronse 5 tipos de actividades diferentes, que percorreron os campus de Vigo, A Coruña, Santiago e Ourense ao longo de 5 mércores dos meses de abril e maio. As temáticas das accións foron as seguintes: Innovación e innovadores no mundo dixital, Medioambiente e Sostibilidade, Educación emocional, Talento mozo e Cultura e creatividade.

Neste último encontro en Vigo participaron Amabel González (investigadora e especialista en arte urbana), Alberto Santos (artista, investigador e profesor de Didáctica das Artes Plásticas), Xoana Almar (pintora de murais e cocreadora da cooperativa Cestola na Cachola) e Alba Fernández (bailarina, profesora e coreógrafa de Danza Urbana e Contemporánea). 

O obxectivo final do programa é favorecer o debate e o networking sobre a temática tratada a través de obradoiros en grupos reducidos en espazos diferentes, distendidos, abertos e innovadores.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/05/2022