O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, e a directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participaron na inauguración do evento ‘ IV Encontros para o emprego’, organizado por esta entidade

A Xunta pon en valor a implicación da Fundación Acción contra a Fame na inserción laboral das persoas en risco de exclusión social

O Goberno galego financia con 66.000 euros os programas ‘Vives Emplea Galicia’ e ‘Vives Emprende’ desta entidade a través das axudas con cargo á casilla social do IRPF

A economía social resulta clave no mercado laboral de Galicia, representando o 7% do PIB
 

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2022.-
Compartir
  • whatsapp

A Xunta puxo en valor a implicación da Fundación Acción contra a Fame na inserción laboral das persoas en risco de exclusión social. O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, e a directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participaron esta mañá por videoconferencia na inauguración da cuarta edición das xornadas ‘Encontros para o emprego’, organizadas por esta entidade.

 

O director xeral de Inclusión Social destacou a implicación das empresas colaboradoras para facilitar un maior acceso ao emprego. Neste sentido, concretou que o Goberno galego colabora coa Fundación Acción contra a Fame a través dos programas Vives Emplea Galicia e Vives Emprende para formar a persoas desempregadas e en risco de exclusión en mellorar as súas habilidades sociais e en competencias para acceder ao emprego.

 

A Xunta destina 66.000 euros anuais a estes programas a través das axudas con cargo á casilla social do Imposto Sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF). Arturo Parrado destacou que “o acceso a un emprego é un paso básico e fundamental para lograr a inclusión, ao permitir unha maior autonomía das persoas”.

 

Economía social

A directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, pola súa banda, enxalzou os beneficios da economía social como “modelo que antepón os beneficios sociais á rendibilidade financeira, que actúa contra as desigualdades e que aposta por crear oportunidades que xeren emprego de calidade, fomentando a cohesión social e a vinculación co territorio”.

A economía social resulta clave no mercado laboral de Galicia, representando o 7% do PIB. Neste modelo, o traballo feminino está a gañar cada vez máis espazo e xa na actualidade o 50,7% das novas cooperativas son promovidas por mulleres. 

A Lei autonómica de Economía Social, que sitúa a Galicia como referente no sector desde o ano 2016, establece como principio reitor a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Tamén a Estratexia Galega de Economía Social 2019-2021, á que a Xunta destinou 89 millóns de euros, marcouse como obxectivos a potenciación da igualdade no cooperativismo, conseguindo en dous anos incrementar en 13 puntos porcentuais a presenza das mulleres á fronte destas entidades. 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/05/2022