A Xunta destaca o apoio ás persoas que máis precisan formación e un posto de traballo a través do Plan Emprega Discapacidade-Exclusión social

A directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, visitou hoxe en Santiago de Compostela o autobús adaptado de Clece, que está a percorrer diversas cidades galegas para ofertar 280 postos de traballo

Toca puxo en valor a iniciativa que promove o emprego entre colectivos en risco de exclusión social e lembrou que a Xunta ten en marcha o Plan Emprega Discapacidade-Exclusión Social de fomento á contratación e á formación con 40 millóns de orzamento
 

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

A directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, visitou hoxe na Praza Roxa de Santiago de Compostela o autobús itinerante da empresa Clece que está a percorrer estes días Galicia para ofertar 280 postos de traballo, principalmente entre persoas pertencentes a colectivos en risco de exclusión social. De feito, ata a data entrevistáronse a 586 persoas, das que un 34% atópanse nesta situación.

Así, Toca puxo en valor a iniciativa denominada Ruta Galicia Emplea porque ofrece a posibilidade de atopar un traballo acorde ás necesidades destas persoas e lembrou que a Xunta apoia o emprego deste colectivo a través do Plan Emprega Discapacidade-Exclusión Social, que conta para 2002 cun orzamento que conta con 40 millóns de euros.

Para a directora xeral, proxectos como o de Ruta Galicia Emplea é clave para seguir impulsando en Galicia a inclusión social e laboral das persoas que máis o precisan, ao tempo que, segundo explicou, son programas que xeran novas sinerxías no eido do emprego mediante a cooperación interinstitucional.

O autobús adaptado estará por Galicia ata o 18 de maio. Ata a data xa percorreu as localidades de Ferrol, Oleiros e Lugo, ademais de hoxe Santiago de Compostela. En Vigo estará mañá e en Ourense o día 18. En total, darase cobertura a 75 localidades, como si se tratara dunha oficina de emprego itinerante.

Para participar no proxecto, é preciso anotarse previamente na páxina web www.galiciaemplea.es ou chamando ao número de teléfono 900 80 56 17, e, deste xeito, os candidatos serán citados previamente para asistir á entrevista de traballo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/05/2022