O deseño da Axenda de Capacidades entra na fase final tras a celebración das mesas sectoriais que definirán a formación que precisa o mercado laboral galego

As reunións das 9 mesas de traballo de sectores estratéxicos rematan hoxe e as súas conclusións incorporaranse á Axenda que se prevé completar antes do verán

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, visitou hoxe a sesión presencial centrada no sector do turismo, a hostalaría e o comercio, celebrada no Centro de Novas Tecnoloxías de Santiago de Compostela
 

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2022.- A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, visitou hoxe a mesa sectorial sobre turismo, hostalaría e comercio -reunida no Centro de Novas Tecnoloxías de Santiago-, unha das nove que están a axudar a definir as necesidades formativas do mercado laboral galego e a configurar a Axenda Galega de Capacidades, que situará á comunidade á vangarda europea da formación para o emprego.

A Xunta completou hoxe as xuntanzas presenciais das mesas de traballo nas que axentes sociais e representantes das diferentes sectores están a perfilar as necesidades formativas para cada un deles.  Tras os encontros, a Axenda de Capacidades entrará nunha nova fase na que se espera completar o seu deseño antes do verán.  

As dinámicas de traballo centráronse en sectores estratéxicos e con grandes potencialidades de desenvolvemento, entre outros: a pesca o naval, as enerxías renovables mariñas, o metal ou, como é o caso da xuntanza visitada por Lado, o turismo hostalaría e comercio.

Participaron nestas mesas, asociacións sectoriais e clústeres, sindicatos, asociacións de empresarios, autónomos e empresas de economía social, centros de coñecemento, e a Asociación Galega de Empresas de Formación.

Tras estas dinámicas, a Xunta obterá unha primeira visión da Axenda que permitirá deseñar os contidos e módulos formativos que mellor se axusten ás necesidades do mercado laboral galego.

O obxectivo destes encontros técnicos é conseguir afondar nas necesidades de capacitación existentes e contrastar a súa cobertura dentro das capacidades formativas do sistema de formación para o emprego actual. Este traballo constitúe un paso previo para que cada sector comece a elaborar as súas conclusións e as poida incorporar á Axenda.

A Axenda Galega de Capacidades para o Emprego constitúe un gran pacto social que permitirá adaptar a capacitación profesional da forza laboral galega ás necesidades do mercado de traballo. Este instrumento, da man do Estudo de Tecnoloxías Emerxentes que vén de rematar a Consellería de Emprego e Igualdade, está a permitir detectar as carencias formativas de traballadores e traballadoras da comunidade, para avanzar no deseño de actuacións con maior encaixe no actual contexto.

Con este instrumento, o Goberno galego pretende cimentar un mercado laboral forte e competitivo, no que todas as persoas teñan cabida e que dea as empresas un futuro prometedor e próspero. Para iso é preciso que Administración, tecido empresarial e asociativo e o ámbito formativo traballen xuntos en iniciativas como a Axenda Galega de Capacidades; unha medida pioneira que situará a Galicia á vangarda de España e permita adaptar as directrices europeas de capacitación á realidade galega económica e social.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/05/2022