A Xunta denuncia as contradicións do Goberno central sobre o informe do Plan especial de Cambados e pide que rectifique para garantir o futuro das instalacións asentadas no porto

Lembra que o documento emitido por Costas do Estado cuestiona a continuidade de tres depuradoras e outras instalacións sociais en terreos do peirao de Tragove e que pretende invadir competencias ao ir en contra da Lei de Portos de Galicia, do Estatuto de Autonomía de Galicia e da Delimitación de Espazos e Usos Portuarios

As interpretacións do Executivo estatal xeran inseguridade xurídica no sector e poñen en dúbida o desenvolvemento de actividades tradicionalmente presentes nos portos

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2022.- O Goberno galego manifesta a súa perplexidade ante as declaracións da directora xeral da Costa e o Mar do Goberno central que contradín por completo o informe emitido por este mesmo departamento en relación ao plan especial do porto de Cambados. A Xunta lembra que o ditame da Administración estatal cuestiona a continuidade destas instalacións e outras sociais en terreos do peirao de Tragove ao concluír con rotundidade que poden ter outra localización fóra do dominio público marítimo-terrestre. Neste sentido, o Executivo galego pide ao Goberno central que rectifique para garantir o futuro das instalacións asentadas no porto.

De feito, o informe do Ministerio para a Transición Ecolóxica reflicte de forma clara as pretensións de invadir competencias exclusivas de Galicia pois pretende aplicar a Lei de Costas nos terreos portuarios ao consideralos dominio público marítimo-terrestre. Isto vai en contra da Lei de Portos de Galicia -vixente desde 2018-, do Estatuto de Autonomía de Galicia e da propia Delimitación de Espazos e Usos Portuarios (DEUP).

Ademais afirma expresamente, en base á lei estatal de Costas, que as depuradoras poden ter outro emprazamento e non poderían estar en zona de costas. Sinala textualmente que: “unicamente se poderá permitir a ocupación do dominio público marítimo-terrestre para aquelas actividades ou instalacións que, pola súa natureza, non poidan ter outra localización (...). Polo anterior, considérase que estes usos asentados en dominio público marítimo-terrestre poden ter outra localización”.

 

Seguindo esta mesma liña e baseando o seu argumento no regulamento xeral de Costas, o informe entende que tamén deben saír de zona portuaria, entre outras, instalacións como a praza de abastos, o centro de saúde ou estación de autobuses ao non constituír usos necesarios para a actividade portuaria, comercial ou de restauración. Neste sentido, o ditame do Ministerio para a Transición Ecolóxica di literalmente que estas instalacións “non constitúen nin un uso necesario para o desenvolvemento da actividade portuaria, nin un uso comercial ou de restauración. Polo anterior (...) non procedería mantelos na proposta de ordenación do plan especial e conviría estudar o traslado destas instalacións fóra do dominio público marítimo-terrestre”.

Isto confirma o que veñen advertindo o Executivo autonómico e os representantes da cadea mar-industria en relación ás interpretacións que fai o Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico que xeran inseguridade xurídica no sector e poñen en dúbida o desenvolvemento de actividades tradicionalmente presentes nos portos. Unhas interpretacións que tamén concordan co que leva advertindo a Xunta desde 2019 sobre a liña de actuación que está a seguir o Executivo do Estado a través da Lei de Cambio Climático e a modificación do regulamento xeral de Costas.

Neste sentido, o Goberno galego continuará defendendo ante todas as instancias os intereses do complexo mar-industria de Galicia e do conxunto da cidadanía e demanda ao Ministerio para a Transición Ecolóxica que aclare a Galicia as súas pretensións e as súas declaracións que difiren do informe emitido en relación ao plan especial do peirao de Tragove.

Trátase dun asunto de extrema gravidade pois o mesmo problema pode reproducirse en moitos dos 122 peiraos autonómicos cos que conta Galicia, o que deixaría no aire a continuidade de numerosas instalacións do complexo mar-industria e de edificacións de carácter social como centros de saúde, colexios, prazas de abastos ou incluso inmobles de institucións dependentes da Xunta ou da Administración Xeral do Estado.

Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 12/05/2022