Xunta e CEP analizan o papel das empresas na xestión das grandes emerxencias e catástrofes

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente da AXEGA, Marcos Araújo, recibiron no CIAE 112 Galicia a membros da Confederación de Empresarios de Pontevedra, que coñeceron de primeira man o sistema galego de resposta ás chamadas de emerxencia

Villanueva destacou a relevancia do tecido empresarial como parte activa na xestión dos medios e os recursos necesarios para garantir a protección e abastecemento da poboación en situacións críticas

A Estrada (Pontevedra), 12 de maio de 2022.-
Compartir
  • whatsapp

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Marcos Araújo, recibiron esta mañá, nas instalacións do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, a membros e representantes da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), cos que analizaron o papel das empresas na xestión das graves emerxencias e catástrofes.

Así, o representante do Goberno galego, xunto co xerente da AXEGA, mostraron aos asistentes o sistema galego de resposta ás chamadas de emerxencia, e puxeron de relevo o tecido empresarial como parte activa na xestión dos medios e recursos necesarios para facer fronte a situacións críticas e inesperadas.

De igual modo, sinalaron a importancia de establecer un diálogo constante entre os organismos públicos e privados co obxectivo de favorecer accións e políticas que axuden a anticiparse ao perigo, como son as medidas de prevención e seguridade no eido do traballo, pero tamén dentro das familias.

Neste senso, os representantes da CEP mostraron a total colaboración da súa organización para apoiar e contribuír coas actuacións necesarias na concienciación e sensibilización da poboación en medidas de auto protección, que permitan reducir os riscos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/05/2022