A conselleira do Mar en funcións participou na clausura da xornada ‘Cuestións marítimas de actualidade’

Galicia demanda un marco de xogo igualitario no sector marítimo-pesqueiro global para velar pola competitividade da súa frota

A comunidade defende o cumprimento por parte de todos os países das normas en materia de sustentabilidade dos recursos, de garantías ambientais e sociolaborais

A titular de Mar en funcións salienta que Galicia é unha potencia pesqueira europea e mundial e que a Unión Europea debe facer o posible por garantir que o sector traballa en igualdade de condicións nunha industria cada vez máis globalizada

A Coruña, 12 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

A conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, defendeu hoxe a necesidade de que exista un marco de xogo uniforme e igualitario no sector marítimo-pesqueiro global para que as distintas frotas poidan competir en igualdade de condicións e non haxa distorsións que prexudiquen a algunhas delas. Así o expuxo durante a clausura da xornada Cuestións marítimas de actualidade, que se celebrou na Autoridade Portuaria da Coruña, onde salientou a importancia de velar porque todas as frotas respecten e cumpran as normas en materia de sustentabilidade dos recursos, de garantías ambientais e sociolaborais.

Nesta liña, a titular de Mar en funcións lembrou que Galicia é unha potencia pesqueira a nivel europeo e mundial e que a Unión Europea debe facer o posible por garantir que o sector traballa en igualdade de condicións nunha industria cada vez máis globalizada. Por iso, subliñou a necesidade de poñer en práctica un auténtico level playing field na defensa dos intereses galegos e do resto de rexións pesqueiras.

A representante do Executivo galego fixo fincapé en que esa igualdade de condicións debe estenderse tamén ao eido fiscal, con igualdade de gravames en todos os países para evitar distorsións e o falseamento da competencia. Neste sentido, citou tamén a transcendencia de fortalecer, e crear alí onde non existan, as organizacións rexionais de pesca para mellorar a gobernanza internacional dos espazos mariños e das distintas pesqueiras.

Este tipo de medidas, explicou, contribuirían a atallar cuestións preocupantes para Galicia como a pesca ilegal ou o crecemento incontrolado de determinadas frotas. Por iso, Rosa Quintana expuxo a necesidade de que Bruxelas facilite o marco xurídico necesario para que haxa un mercado global homoxéneo así como que España faga as xestións necesarias ante a Comisión Europea para que a normativa supranacional sexa acorde á realidade da frota galega.

A conselleira do Mar en funcións lembrou que Galicia é un exemplo en materia de cogobernanza e de colaboración co sector na xestión dos recursos, un modelo que ten demostrado o seu éxito, polo que apostou por extrapolar esa fórmula ao ámbito global.

O evento

A xornada Cuestións marítimas de actualidade está organizada pola Asociación Española de Dereito Marítimo xunto ao despacho de avogados Zamorano & Peleteiro e a Autoridade Portuaria da Coruña e está dirixida a profesionais e estudantes do ámbito marítimo e portuario. A representante da Xunta agradeceu aos organizadores que escollesen Galicia para celebrar este evento e salientou que supón unha oportunidade para pedir a colaboración de todas as autoridades implicadas na defensa do futuro do sector.

O evento incluíu catro mesas redondas nas que participaron especialistas do ámbito da xestión pública, da universidade, da empresa e de colectivos representativos do sector. Entre os asuntos abordados estiveron o dereito marítimo nacional e internacional, a xestión e loxística pesqueiras, as enerxías alternativas e o seu impacto na navegación e as actividades de reparación e construción naval.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 12/05/2022